Inauguración da exposición de pintura "PAISAXES NA MEMORIA", de Amelia Palacios
As paisaxes misteriosas e suxestivas desta pintora pontevedresa contan os seus soños e visións que a maioría intuímos pero que só artistas como ela son capaces de ver con plenitude con esa súa particular abstracción e mestría no manexo da color. A mostra poderá contemplarse ata o 31 de xaneiro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
AMELIA PALACIOS nace en Pontevedra en 1986. A súa vinculación ao mundo da pintura prodúcese cando era moi nova da man do seu pai, o pintor Alex Vázquez.
En 2004 trasládase a Madrid para iniciar os seus estudos de arquitectura na Escola Técnica Superior. En paralelo, desenvolve a súa formación artística participando en talleres e encontros de pintura, gravado, transferencia, monotipia, libros de artista, video-creación, fotografía, arte e natureza...
En 2011 foi premiada no Certame de Pintura Antonio Quesada e o seu deseño para a portada da Revista 547 do Diario de Pontevedra obtivo o Premio ÑH.
É autora do grafismo oficial da Camelia da Deputación de Pontevedra, utilizado en todos os eventos relacionados con este tema.