Inauguración da exposición de pintura "REALISMO CONTEMPORÁNEO", de Belén Fernández Vigo
Paisaxes que lembran a calidez física do sur, arquitecturas, bodegóns e retratos conforman a obra temática chea de cor que presenta esta artista ferrolá. Os seus óleos, de estilo realista, correctamente executados e compostos con gran delicadeza e harmonía cromática, poderán contemplarse ata o 28 de marzo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
Licenciada en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Palma de Mallorca, Belén Fernández Vigo desenvolve a súa profesión como profesora de Bioloxía e Ciencias Naturais nun colexio de Ferrol, a súa cidade natal.
Desde moi nena séntese atraída polo mundo da pintura e da arte en xeral. Comeza a pintar ao óleo de forma autodidacta en 1994, e posteriorrmente acode a clases de debuxo e realiza os seus primeiros óleos e pasteis co profesor Francisco José Fernández.
Reside en diferentes cidades españolas e continúa desenvolvendo a súa vocación artística. Ao trasladarse definitivamente a Madrid, no ano 2001, incorpórase ás clases de pintura de La Academia da Fundación Arte e Autores Contemporáneos (ARAUCO), impartido polos profesores Cristian Avilés e Carlos Vega. En 2003 incorpórase ás clases do Mestre Muñoz Vera na Academia de Chinchón, considerado como un dos máximos expoñentes do Realismo Español.
Nesta exposición presenta obras dun estilo realista cunha temática miscelánea e heteroxénea, a través de paisaxes, patios, bodegóns e figura humana. A súa obra está influenciada por grandes artistas como Sorolla, Guillermo Muñoz Vera, Antonio López García e Velázquez.
Os grandes protagonistas da súa obra son a mancha, o xesto e a cor, que son os seus recursos expresivos e pictóricos máis fortes e interesantes. Gústalle elucubrar coa mancha e as pinceladas en busca dunha maior riqueza, creatividade e expresividade.