Inauguración da exposición de pintura "RECANTOS DE GALICIA", de Eduardo Casal
Casal volve a Madrid con lenzos que amosan paisaxes rurais de ríos e bosques, mariñas de barcos e velas brancas, cidades de rúas empedradas xurdidas dun impresionismo concebido a base de precisas pinceladas. Un estilo propio marcado pola importancia da luz e as cores, que poderá contemplarse ata o 28 de setembro en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
A pintura de Eduardo Casal esconde ao autor autodidacta que continúa percorrendo os camiños da arte na procura de novas formas e cores. A súa obra concíbese dende un impresionismo que evolucionou ao longo dos anos cara a un estilo propio marcado pola importancia da luz e as cores.
Con pincel e paleta utiliza o óleo e o acrílico para descubrir paisaxes típicas da súa terra natal que conservan o equilibrio da natureza case pura, impregnada de centos de verdes, marróns, azuis e grises que combina con esmero. Campos onde pastorean os rumiantes e equinos, definindo ríos de augas limpas e árbores retorcidas acompañadas de sendeiros que invitan ao paseo melancólico.
As mariñas de ceos tormentosos e augas azuladas sobre as que flotan barcos de velas brancas e botes de pescadores, transmítennos aires de liberdade e aventura; froito dunha vida cosmopolita tamén mostra cidades de xentes tranquilas que pasean por rúas empedradas, onde a perspectiva, a luz e a sombra definen un mundo de espazos que non sempre son reais.
Tamén hai espazo para bodegóns nos que se reflicte a beleza do sinxelo e cotián.
Composicións simples e en equilibrio que transmiten repouso, onde a luz unifica as paisaxes e os personaxes, e que se achegan a un naturalismo ás veces case extremo. Define as formas con riqueza de cor e matices lumínicos, e crea luces dentro de zonas de sombras e sombras dentro de zonas iluminadas en composición que transmiten atmosferas de serenidade, contemplación e sosego no sempre exentas de movemento.