Inauguración da exposición de pintura "RETRATOS E PAISAXES", de Ignacio Dávila Golmayo "Matute"

Eventos
01/08/2015
01/08/2015
08/01/2015

Inauguración da exposición de pintura "RETRATOS E PAISAXES", de Ignacio Dávila Golmayo "Matute"

-

“Matute” é un artista que, ademais de ter unha profunda formación académica, conta cun don innato para a pintura, unha man solta e precisa que lle fixo gañarse un lugar na arte contemporánea española. A mostra da súa obra pictórica poderá contemplarse ata o 30 de xaneiro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

“Matute” é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid e Técnico Superior en Gravado e Estampación pola Escola de Arte nº 10 da Comunidade de Madrid. Bolseiro pola Calcografía Nacional para cursar estudos de estampación xaponesa na Fundación Pilar y Joan Miró de Mallorca.

Coa súa obra participou en varios certames como ESTAMPA, Calcografía Nacional, Museo el Grabado Español Contemporáneo de Marbella. É Primeiro Premio 2004 na quinta edición do Certame de Gravado José Caballero. Ese mismo ano obtivo a Mención de Honra no Primeiro Concurso de Debuxo e Gravado da Universidade Complutense de Madrid. No décimo aniversario do Certame de Arte Gráfico para Jóvenes Creadores do ano 2005, o xurado premiou a obra “Concerto nas Ventas”. Máis recentemente foi galardoado co Primeiro Premio na categoría de obra gráfica na fase nacional do certame “Deporte Olímpico y Arte 2012”.

Aínda que as súas primeiras obras se centraron no gravado, “Matute” empezou a traballar o óleo dunha maneira maxistral. Maxistral é o seu virtuosismo técnico nos óleos, que ben poderían parecer fotografías grazas ao dominio dos detalles, as cores, a luz e as sombras.

O autor reflicte a través dos seus retratos, pintados ao óleo ou tallados sobre táboa de madeira, e das súas paisaxes, o mundo que el sente, o que lle dá a vida e ao cal el dá vida desde a súa sinceridade, bondade, inxenuidade e humildade. Os seus cadros son momentos cotiáns que recrean a súa propia  vida e o seu mundo do que lle gusta gozar.

08 Xaneiro 2015
Eventos
Imaxes