Inauguración da exposición de pintura "SOSEGO", de Esperanza López Maquieira
A obra de Esperanza busca, incansable, a súa linguaxe da alma nas raíces e madeiras galegas; sinuosos troncos que se desdobran, caprichosos, nun movemento lento e ancestral, adquiren calidades de seres vivintes. A exposición poderá visitarse ata o 28 de xullo, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
ESPERANZA LÓPEZ MAQUIEIRA naceu en Lantaño, terra de pintores como o foi Pesqueira ou Elisa Abalo. Actualmente vive en Meis, Pontevedra.
Empezou a pintar en 1999 buscando un alivio aos seus problemas de saúde. Cursou estudos de pintura no taller dun gran mestre, Manuel Aramburu, onde traballou o debuxo e distintas técnicas de pintura. Seguiu nas súas clases durante cinco anos, entre 2004 e 2009. Grazas a el puido afianzar a súa inicial afección e dedicarse ao que lle gusta, pintar, aínda que o faga só polas noites, momento no que está máis concentrada e pode aillarse do mundo por completo.
Expuxo as súas obras en diversas localidades galegas como Pontevedra, Vilagarcía, O Grove, Carballiño.
Os cadros de Esperanza son o resultado dunha pintura terapéutica e visceral, que se convertiu no máis elevado destino dos desvelos e desgustos durante tantas horas de insomnio nocturno. Tras cada un dos seus lenzos hai unha senda de tenrura, inquietude e dolor, múltiples veces percorrida, pero tamén unha sublimación do espírito en busca da beleza e a transparencia.