Lectura poética por ANTONIO DOMÍNGUEZ REY, con motivo da reedición do seu libro "Lúa Loura".

Eventos
07/10/2012
07/10/2012
10/07/2012

Lectura poética por ANTONIO DOMÍNGUEZ REY, con motivo da reedición do seu libro "Lúa Loura".

-

Este coñecido profesor e investigador invítanos a gozar dunha velada poética recitando composicións súas creadas hai xa tempo e que se reeditan agora no libro Lúa Loura.

ANTONIO DOMÍNGUEZ REY (Rianxo, 1945), autor bilingüe en galego e castelán e accésit do Premio Adonáis en 1973. Humanista, filósofo, cunha ampla experiencia docente como catedrático de Instituto e de Universidade, lingüista e fenomenólogo.

O poeta galego Antonio Domínguez Rey estudou Humanidades e Filosofía e é Doutor nesta materia tamén en Lingüística Hispánica. É Catedrático excedente de lingua e literatura española de Instituto e Catedrático de Lingüística na UNED.

En 1982 propón desde París a creación dun Instituto Internacional de Lingua e Cultura Españolas.

Desde 1997 dirixe a revista iberorrománica SERTA. Poesía y Pensamiento Poético (UNED). Neste mesmo ano funda en Santiago de Compostela a Asociación Internacional de Amigos de la Universidad Libre Iberoamericana en Galicia (AULIGA), que pretende consolidar no Atlántico o espazo creativo, sociocultural, técnico e científico que corresponde á lingua koiné latina en distintos países do mundo. Pertence á Sociedad Española de Lingüística e á Sociedad Española de Fenomenología e colabora coa International Society of Phenomenology (The World Institute of Advanced Phenomenology Research and Learning, USA).

Entre a súa produción poética destaca: “Garlopa marina” (1974), “Gremor” (1974). “La voz y su vacío” (1980), “Lúrido ocelo” (1983), “Gluma” (1987), “Como rostro que surge” (1999), o poema “Cae el aliento” (2001) e “Grietas del respiro” (2010).

Agrupou nunha soa publicación os poemarios xerados ao longo de 1/3 de século: “En una luz inaccesible. Poemas”, un recopilatorio antolóxico dos seus poemas aparecidos entre 1974 e 2010, é dicir, o conxunto da súa obra poética. A obra está dedicada á súa muller e aos seus fillos.

De entre a súa produción poética en galego podemos destacar: “Lúa loura” (1984), “Fendas” (1991), “Eidos da mirada” (1994) e “O segredo do monte” (2005).

A súa poesía ten unha gran profundidade intelectual, nela Domínguez Rey realiza un exemplo lingüístico de primeira magnitude. Hai en moitos dos seus poemas unha profundidade filosófica, unha preocupación-negación unamuniana pola morte, polo ser de permanecer, aínda que tampouco é alleo ás súas formulacións vangardistas.

 

10 Xullo 2012
Eventos