Presentación da exposición "ORINOCO. VIAXE A UN MUNDO PERDIDO. Unha colección da Fundación Cisneros", inaugurada no Museo Centro Gaiás -Cidade da Cultura- de Santiago de Compostela
O acto de presentación desta colección contará coa asistencia de D. Jesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Dª Beatriz González Loroño, directora-xerente da CDC; e Dª María Pereira Otero, directora de Acción Cultural da CDC.
"ORINOCO. Viaxe a un mundo perdido" propón unha inmersión nun dos territorios máis salvaxes e máxicos do planeta, un lugar inaccesible e exuberante, no que apenas o un por cento da luz solar alcanza o chan ao mediodía, unha selva mítica que excitou a imaginación de exploradores e grandes escritores como Julio Verne ou Arthur Conan Doyle.
Mais a mostra é, sobre todo, un canto á natureza virxe e ao respecto polo medio ambiente e un recoñecemento ás culturas tradicionais e á súa supervivencia.
Tras viaxar durante trece anos por algunhas das institucións culturais máis importantes de Europa e recibir máis de sete millóns de visitantes, a Cidade da Cultura de Galicia trae por primeira vez á Península Ibérica a Colección Orinoco, unha das mostras de arte étnico máis importantes de Latinoamérica formada por máis de 1.500 pezas.
A exposición homenaxea a tradición cultural das doce etnias que habitan a conca do Orinoco: De" áruwa (Piaroa), Ye"kuana, Yanomami, Híwi (Curripaco), Baniva, Baré, Puinave, Warekema. Tsase (Píapoco) e Hoti.
A mostra está composta por obxectos de cada un dos grupos indíxenas recompilados durante décadas de exploracións: máscaras, cestería, adornos corporais, instrumentos musicais, plumarios, canoas, remos e instrumentos de pesca, obxectos de uso cotián e máxicorrelixiosos, que están construídos con materiais da selva, partes de animais, plantas e minerais.
A exposición permanecrá aberta ao público no Museo Centro Gaiás -Cidade da Cultura- de Santiago de Compostela ata o próximo dia 12 de xaneiro de 2014, en horario de 11:00 a 20:00 h de martes a domingo.
Esta viaxe complétase cunha abraiante colección de imaxes en gran formato e a proxección de dous documentais que axudarán ao espectador a transportarse a esta rexión de Venezuela por onde transita o terceiro río máis caudaloso do mundo. Un río que se erixe en marca de identidade duns pobos, da mesma forma que a rede hidrográfica galega se presenta como trazo máis expresivo da paisaxe e da riqueza patrimonial, cultural e biolóxica do país. Unha realidade que recolle "Orinoco. Viaxe a un mundo perdido", ao incluír unha visión sobre esta Galicia fluvial a través de pezas procedentes de institucións e museos galegos: artes de pesca e embarcacións tradicionais, así como imaxes que retratan as paisaxes e costumes da vida arredor dos ríos.