Presentación da guía "LAS PIEDRAS DEL CAMINO DE SANTIAGO EN GALICIA" e do "MAPA DE PATRIMONIO MINERO DE GALICIA", publicados polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España
Con estas publicacións o IGME mantén o seu compromiso de investigación geolóxica e mineira ao servizo da sociedade, contribuíndo ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia e a mellorar o coñecemento e a cultura científica mediante a divulgación dos seus resultados.
"Las piedras del camino de Santiago en Galicia" está escrito por Ramón Jiménez e Enrique Díaz e foi publicado polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) en setembro de 2013.
A impresión foi financiada con fondos europeos (FEDER) dentro do proxecto Atlanterra do programa de Espazos Atlánticos (INTERREG 4B) cuxo obxectivo é a investigación, promoción e divulgación do patrimonio mineiro destas rexións. En concreto, participan neste proxecto Francia, Gales, Irlanda, Portugal e Galicia por parte española.
Trátase do terceiro volume da Colección Guías Geológicas que publica o IGME, o primeiro dos cales estivo dedicado á Comunidade de Madrid (2008) e o segundo ao Parque Natural del Alto Tajo (2011).
Esta guía xeolóxica é unha contribución á conservación e divulgación do patrimonio natural e cultural en múltiples sentidos. Trátase dunha guía para o viaxeiro ou o peregrino na que se describen as rocas que forman os principais monumentos históricos que encontrará ao seu paso desde que entra en Galicia ata que chega a Santiago. Tamén é unha guía de utilidade para o restaurador de monumentos, xa que, entre as características desas rocas, se aportan datos sobre as canteiras de procedencia, a súa composición, e incluso sobre as súas propiedades como roca construtiva ou ornamental. Finalmente, é unha guía para a persoa curiosa e interesada pola xeoloxía en xeral e as rocas do Camiño de Santiago, pois permite coñecer interesantes aspectos da xeoloxía da zona oriental de Galicia a través dos monumentos e as canteiras que nela se describen.
O "Mapa de Patrimonio Minero de Galicia" pretende difundir o coñecemento sobre o conxunto de restos e documentos herdados da actividade mineira, que son importantes para a comprensión da sociedade mineiro-industrial no seu conxunto ou para mostrar o desenvolvemento e evolución da actividade mineira na Comunidade Autónoma de Galicia.