Presentación da iniciativa tecnolóxica de realidade virtual "O GALIVERSO EMPEZA AQUÍ"

Eventos
06/22/2023
06/22/2023
22/06/2023

Presentación da iniciativa tecnolóxica de realidade virtual "O GALIVERSO EMPEZA AQUÍ"

Intervirá na presentación Juan Serrano, director da Casa de Galicia en Madrid; Mª Fátima García Doval, xefa de Servizo de Coordinación Estratéxica e Innvación da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; e Manuel Vila López, secretario xeral Técnico da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

O acto finalizará cunha demostración desta experiencia virtual.

"O Galiverso empeza aquí" é unha iniciativa da Xunta de Galicia que emprega as tecnoloxías inmersivas e de realidade virtual co obxectivo de mostrar o noso patrimonio material e inmaterial (artístico, industrial, arquitectónico, natural etc.)/ etc.) dunha maneira diferente. Desde a Casa de Galicia en Madrid, poderase viaxar en globo polo escarpado Canón do Sil, mirar A Coruña desde o alto desde a lanterna da Torre de Hércules ou descubrir o templo romano de Santalla de Bóveda, entre outras experiencias.

Hai lugares que só se poderán visitar entrando no Galiverso, como a Cripta do Apóstolo, —pechada ao público xeral na propia Catedral de Santiago— e outros que polas súas características ou localización non resultan fáciles para as persoas con dificultades de mobilidade, como os tellados da Catedral de Tui. O uso da realidade virtual facilita gozar deles dunha maneira única, accesible e respectuosa coa súa conservación.

"O Galiverso empeza aquí" é unha xanela aberta ao futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia que permite á cidadanía galega e ás persoas visitantes participar deste camiño de creación dun centro pioneiro en España, e poñer en valor o potencial das nosas industrias culturais e creativas nas contornas virtuais.

Na Casa de Galicia en Madrid poderán vivirse 12 experiencias diferentes de realidade virtual que percorren as catro provincias galegas:

O atardecer desde o Faro de Fisterra
O interior da lanterna da Torre de Hércules (A Coruña)
A cripta do Apóstolo en Santiago de Compostela
A muralla romana de Lugo
A torre de Xiá en San Paio de Narla (Lugo)
O templo romano subterráneo de Santalla de Bóveda (Mera, Lugo)
O interior dunha palloza en Ou Cebreiro (Lugo)
O Mosteiro de Santa María A Real de Oseira (San Cristovo de Cea, Ourense)
O caños do Sil entre as provincias de Ourense e Lugo
O Mosteiro de San Esteban de Ribas de Sil (Ourense)
Os tellados da Catedral de Tui (Pontevedra)

O Galiverso seguirá expandíndose no futuro incorporando novas experiencias vinculadas non só ao patrimonio e ao turismo, senón á ciencia e á experimentación. Tamén está previsto que percorra outros museos e bibliotecas de Galicia, así como os Polos Creativos dos centros de ensino galegos.

Acceso libre e gratuíto

O Galiverso estará aberto na Sala "Álvaro Cunqueiro da Casa de Galicia en Madrid, de luns a venres. A visita é gratuíta e non é necesario reservar praza.

A sala dispón dun posto individual co seu respectivo equipo de realidade virtual. Un mapa virtual de Galicia permite seleccionar as experiencias, que van acompañadas de textos e audios explicativos en galego, castelán e inglés.

A duración de cada sesión individual é duns 20 minutos máximo e durante a mesma poden vivirse unha ou varias das experiencias de realidade virtual ofertadas. O límite de tempo obedece tanto á intención de evitar a fatiga asociada cun uso máis prolongado das lentes de realidade virtual como de facilitar que o maior número de persoas poida acceder ao Galiverso.

22 Xuño 2023
Eventos
Imaxes