Presentación da novela "EL ABRAZO", de Marina Mayoral, editada por Stella Maris
Fermosa novela de personaxes de pel e emocións reais, ante os que o lector tomará partido. Co seu humor característico, Marina Mayoral cóntanos esta historia de amor e de misterio que mantén o suspense ata a última liña.
No acto de presentación intervirá, ademais da autora, José Mª Merino, escritor e membro da Real Academia Española; Juan Mª Piñero, da editorial Stella Maris.
Federico Castell e Puig, arquitecto de prestixio, vive unha experiencia próxima á morte por mor dun infarto. Nese momento de morte clínica, cando o médico informaba do seu falecemento aos familiares, viu o abrazo entre a súa esposa e o seu irmán, o cal é interpretado por Federico como un signo de paixón amorosa máis que de dor pola morte do marido e irmán. A partir deste dramático episodio, contado no capítulo primeiro, desenvólvese un texto en 35 capítulos, con títulos e sen numerar, nos cales se recrea, con intensidade crecente, a historia familiar dos Castell e Puig. E todo iso desenvólvese vertebrado polo obsesivo afán de Federico en pescudar se o que viu naquel abrazo foi algo real ou unha alucinación do seu cerebro.
Durante un ano de convalecencia, con presente narrativo en tempos actuais de crises e con sucesivas analepses nas retrospeccións temporais para recrear o pasado familiar, Federico segue a súa recuperación completada con exercicios de rehabilitación e masaxes a cargo dunha enfermeira con mans máxicas capaces de provocar milagres no corpo dos seus pacientes. Federico atopa en Mica a interlocutora que necesita para resolver a súa terrible dúbida existencial, que lle cambiou a vida, pois ela tamén tivo estrañas experiencias cun fillo xa falecido. Así, entre rehabilitacións e masaxes, alternando con recordos familiares de Federico e diálogos co seu irmán Fran, a historia familiar vaise completando con especial incidencia en episodios de amor e morte, sen desfalecer a obsesión do protagonista por aquel abrazo que removeu a súa vida enteira.
Tanto pola historia referida como pola técnica empregada "O abrazo" é unha novela existencial e psicolóxica pola súa exploración, en graduada profundidade, dun episodio entre real e sobrenatural que cambia radicalmente a vida de quen o experimente, e faino progresando na introspección psicolóxica do protagonista, ben en diálogo cos personaxes que o rodean, familiares ou enfermeiras, ben en monólogos consigo mesmo, ás veces en segunda persoa autorreflexiva, nos que rememora sucesos, situacións e impresións do seu pasado.
MARIÑA MAYORAL (Mondoñedo, Lugo) é escritora e catedrática xubilada de Literatura Española na Universidade Complutense de Madrid. Entre o centenar de traballos de investigación que realizou sobre diversos autores e épocas, destacan os seus estudos sobre Rosalía de Castro e as análises de poesía e prosa contemporánea.
Escribe en galego e en castelán. Os seus contos atópanse nas mellores antoloxías en lingua española e tamén en antoloxías de lingua inglesa e alemana. Entre as súas novelas cabe destacar Cándida, otra vez (1979), Al otro lado (1980) e Plantar un árbol (1981). Outras obras son: Recóndita armonía (1994), Tristes armas (1994), Se llamaba Luis (1995), Dar la vida y el alma (1996), La sombra del ángel (2000), Deseos (2011).