Presentación da novela EL CONTUBERNIO DE LISBOA, de Jesús Arsenio Díaz, publicada polo Grupo Editorial Sial-Pigmalión

Eventos
02/16/2015
02/16/2015
16/02/2015

Presentación da novela EL CONTUBERNIO DE LISBOA, de Jesús Arsenio Díaz, publicada polo Grupo Editorial Sial-Pigmalión

-

O escritor e arquitecto coruñés publica, con gran mestría estilística e narrativa, un thriller en ton de humor no que mostra cómo era a sociedade da posguerra en España. No acto de presentación acompañarán ao autor, Vicente Araguas, crítico literario e Basilio Rodríguez Cañada, presidente do Grupo Editorial Sial Pigmalión.

Despois de gañar no 2005 o premio Fernando Arenas coa súa primeira novela, "Yacentes", Jesús Arsenio Díaz (A Coruña, 1943) presenta a súa nova obra "El contubernio de Lisboa". Trátase dunha historia que se desenvolve principalmente entre os anos 1957 e 1959, que se completa con dous epílogos e que remata nunha relación alfabética de persoas, animais e cousas cuxa consulta pode facilitar a lectura, ao estilo dos índices cos que Cunqueiro concluía algún dos seus libros. Esta inclusión serve para que o prologuista do libro, Chema Paz Gago, sinale esta veta cunqueiriana, á vez que a ascendencia de Cervantes sobre o libro, patente nos epígrafes que anteceden cada capítulo. A parodia, xa presente en O Quixote, aparece aquí tamén na forma dunha galería de personaxes extravagantes e a imitación con fins humorísticos do estilo retórico e arcaico que tanto furor fixo no século XIX. Habería que engadir o humorismo de Fernández Flórez para acabar de enmarcar esta homenaxe á risa en todas as súas variantes, do humor inglés ao galego.

A obra parece costumista, pero está escrita en clave de humor e trata acerca dunhas persoas que vivían nunha cidade española da meseta tras a Guerra Civil que acaban indo a Lisboa e teñen aventuras un pouco irreais, con realismo máxico.

O catedrático Paz Gago define o volume como unha cegadora e inclasificable obra narrativa onde o autor, cunha inusitada mestría estilística e narrativa, camiña da parodia entrañable á ironía mordaz, do fino humor anglosaxón á máis pura sorna galega.

Todos os rexistros humorísticos desfilan por estas páxinas que encerran anécdotas hilarantes e episodios desternillantes.

Jesús Arsenio Díaz é arquitecto de profesión e foi profesor universitario ata que, con setenta anos, decidiu dedicarse a escribir. En 2005 foi galardoado co premio literario Fernando Arenas coa novela "Yacentes".

16 Febreiro 2015
Eventos
Imaxes