Presentación da novela EN EL CORAZÓN DE LA LLUVIA, de Milagros Frías, editada por Algaida
Esta obra, que é a sétima novela da escritora estremeña, foi galardoada co XI Premio Logroño de Narrativa. Ambientada en Galicia, aborda como unha muller se reinventa nun medio rural, moi diferente ao da súa vida ata entón.
O acto de presentación contará coa intervención, ademais da autora, do director de ABC, Bieito Rubido, e da xornalista Marta Robles.
"En el corazón de la lluvia" é unha novela coral e de aventuras, misterio e relacións afectivas que está ambientada nun pobo pequeno de Galicia, terra coa que ten unha relación moi especial por cuestións familiares.
A historia que conta é a de Laura, unha muller en plena crise dos 40 que quere volver a España despois de moitos anos traballando no estranxeiro. Esta muller trasládase a vivir a un pequeno pobo galego para facerse cargo da xerencia dunha leira.
A novela reflexiona por unha banda sobre como se trata e como se xulga a unha muller que emprende un proxecto soa, e por outra, sobre a situación dos pobos pequenos que son paraísos que se baleiran, ao mesmo tempo que as cidades se enchen para vivir peor en moitas cousas.
MILAGROS FRÍAS naceu en Jerez de los Caballeros (Badaxoz), é escritora e xornalista. A autora publicou distintas obras dentro deste xénero como "La sal de la vida" (1999), "Ars Amandi" (2000), "Paisajes de invierno" (2003), La alambrada de Levi" (2006), "El verano de la nutria" (2010) e "Amor en un campo de minas" (2013), entre outras. Ademais, foi galardoada con anterioridade co Premio de Narrativa Torrente Ballester, que logrou no 2009, con "El verano de la nutria".