Presentación da novela "LA DAMA DE LAS SOMBRAS", de Xavier Seoane, publicada pola editorial Reino de Cordelia
O escritor coruñés Xavier Seoane presenta, con motivo do 179 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, esta novela, versión en castelán da obra orixinal "A dama da noite".
A obra narra a vida da poetisa por medio dunha ficcionalidade verosímil que respeta en todo momento a obra e o espírito da protagonista.
Participarán, xunto ao autor da novela, Miguelanxo Fernán Vello, escritor; Luis García Montero, escritor; Marina Mayoral, escritora; e Jesús Egido, editor.
Trátase dunha biografía novelada sobra a angustia vital da poeta Rosalía de Castro.
A través dunha obra de absoluta ficción, pero rigorosamente documentada, recréase a dramática loita entre a vida e a morte, a confusión entre o real e o soñado, así como os feitos, loitas e aspiracións dun horizonte histórico nunha Compostela de soños liberáis e románticos, de anhelos desgarrados e rotos.
Esgotada pola dor, a inxustiza e a miseria, Rosalía de Castro enfróntase aos últimos momentos da vida, ao tramo final da existencia dunha muller única, dunha poeta que loitou pola igualdade adiantándose á súa época. Os recordos brotan no leito entre a enfermidade, a febre e a dor. E entón comezan a desfilar na súa conciencia os feitos relevantes da súa vida, desde a súa infancia solitaria ata a actual compañía dos seus fillos. Amores, desamores, pensamentos, libros, viaxes, soños?... Recordos entrecortados, nunha néboa que os vai enterrando no definitivo esquecemento
XAVIER SEOANE (A Coruña, 1954) estudou Filoloxía Románica en Compostela e desde 1975 compaxina a creación literaria, a crítica de arte e a animación cultural. En colaboración con Raúl Reguera publicou Poesía experimental (1978) e xunto ao poeta e xornalista Manuel Rivas o poemario Anisia e outras sombras (1981). En Don do horizonte (1999) recompilou todos os seus libros de poesía escritos ata ese momento, entre eles Iniciación e Regreso, co que obtivo en 1982 o premio Cidade da Coruña.
Posteriormente publicou Dársenas do ocaso (2002), I premio de poesía Caixa Nova e Premio da Crítica Española; a plaquette Longas augas (2003), Vagar de amor e sombra (2004), Para unha luz ausente, Premio de Poesía Espiral Maior (2006); Do ventre da cóbrega (2008), Raíz e soño (2009) e Espiral de sombras (2013).
En narrativa é autor de Abre la puerta al mar (2015), o conto infantil Historia do can que caeu no tinteiro (2007), a novela xuvenil Filiberto e Sofonisba (2010) e en 2013 apareceu A dama da noite, novela sobre a vida de Rosalía de Castro, traducida por el mesmo ao castelán como La dama de las sombras.
A súa obra poética foi traducida a varios idiomas e figura en múltiples antoloxías de poesía galega actual.