Presentación da novela "TES ATA AS 10", de Francisco Castro, publicada pola Editorial Galaxia
Trepidante historia de intriga e suspense na que Francisco Castro constrúe unha trama que contén, á súa vez, moitas historias distintas. Libros misteriosos, vinganzas dende o Máis Alá, historias de amor que hai que manter ocultas..., todo un mollo de asuntos nunha novela que nos vai levar de viaxe pola historia recente de España e Galicia, mais tamén por dentro do corazón dos namorados que o están de verdade.
Antonio non daba creto ao correo que viña de entrarlle no seu ordenador. Era de seu pai. O problema é que o seu pai leva morto un día. A través de correos electrónicos, cartas e outra clase de pistas misteriosas e sorprendentes, o seu pai, morto, ou quen está a facerse pasar por el, vai obrigando a que o protagonista investigue un terrible asunto do pasado que quedou sen resolver.
Francisco Castro (Vigo, 1966) traballa na actualidade na Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes.
É autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas, e Un bosque cheo de faias, que gañou o Premio Frei Martín Sarmiento. Recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam que publica Galaxia.
En 2007 resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela As palabras da néboa, publicado por Editorial Galaxia. No mesmo ano publica 'O ceo dos afogados' que foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia e que recibiría o Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano.
En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García ‘Borobó’ polo seu artigo titulado ‘Borobó despedido’. No eido da narrativa infantil e xuvenil é autor de 'Chamádeme Simbad' (2009), Premio Frei Martín Sarmiento e lista de Honra do IBBY, e 'O segredo de Marco Polo' (2010).
En 2013 resultou gañador do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia pola súa obra 'O corazón da Branca de Neve” e, en 2014, publicou a novela xuvenil “Tes ata as 10” que hoxe presenta.