Presentación da obra "Madre María Antonia de Jesús, Carmelita Descalza. Autobiografía". Fundadora do Carmelo de Santiago de Compostela (1700-1760)

Eventos
05/30/2022
05/30/2022
30/05/2022

Presentación da obra "Madre María Antonia de Jesús, Carmelita Descalza. Autobiografía". Fundadora do Carmelo de Santiago de Compostela (1700-1760)

O acto, moderado por Leticia Casans, directora do programa "Monasterios y Conventos", de Radio María, contará coa asistencia de Frei Rafael Pascual Elías, OCD, colaborador na edición; e do Emmo. e Rvdmo. Sr. D. Antonio Rouco Varela, Cardeal Arcebispo Emérito de Madrid.

As Madres Carmelitas de Santiago dan a coñecer esta obra escrita pola súa fundadora, unha publicación editada por Monte Carmelo na súa colección Mestres espirituais carmelitas e preparada polas Carmelitas Descalzas de Santiago de Compostela, con axuda do P. Rafael Pascual, OCD. Madre María Antonia de Jesús foi declarada Venerable polo Papa Francisco en novembro de 2018.

Trátase da autobiografía escrita pola fundadora do Carmelo compostelán que se dá a coñecer por vez primeira case tres séculos despois de ser escrita. Con esta obra preténdese que o público poida ao fin ler a biografía de Madre María Antonia escrita por ela mesma, xa que ata o de agora só había algunha selección de textos.

A obra orixinal escrita de puño e letra por Madre María Antonia de Jesús por mandato expreso e reiterado dos seus confesores consérvase no Arquivo Conventual das Madres Carmelitas de Santiago. O arcebispo de Compostela, monseñor Julián Barrio, indica no seu prólogo que nesta obra “é ela mesma a que nos ofrece o misterio da súa alma, que é máis grande que ela mesma”. O lector, sinala o arcebispo, “atopará a xanela para asomarse sen outra mediación que a da Madre María Antonia, ao dinamismo espiritual dunha personalidade forxada sobrenaturalmente pola forza da graza e que discorría a través das virtudes teologais, fe, esperanza e caridade”.

Grazas a ela pódese coñecer o talante literario e místico desta escritora do XVIII que enriquece cos seus escritos espirituais a xa abundante produción carmelitana de autoras relevantes da segunda xeración posterior a santa Teresa (XVI-XVII). De feito, Madre María Antonia de Jesús fai de elo perfecto na cadea que une esta segunda xeración teresiana coa que virá despois dela, no século XIX.

Constitúe todo un descubrimento esta muller galega, analfabeta ata os 28 anos, que posta a escribir a súa vida e outros tratados de elevado contido místico alcanza os cumes máis perfectos de estilo literario e de experiencia de Deus, só comparables cos grandes reformadores do Carmelo, santa Teresa de Jesús e san Juan da Cruz. Ademais, nela pódense atopar coincidencias con Rosalía de Castro (ambas residiron temporalmente na corte de Madrid), e talante literario do mesma orde doutras autoras galegas do XIX, como Emilia Pardo Bazán ou Concepción Arenal.
 

30 Maio 2022
Eventos
Imaxes