Presentación-degustación da XXXII Festa da Filloa de Muimenta
Na parroquia de Muimenta, por iniciativa dos empresarios da zona, celébrase desde 1992 unha festa gastronómica na súa honra, coincidindo co Día dos Traballadores, o 1 de maio, que constitúe unha xornada de convivencia entre veciños e forasteiros e unha reafirmación do espírito rural e do seu futuro na comarca.
Filloeiras e filloeiros afánanse na elaboración de miles de filloas (auga, fariña, sal e ovo, aínda que tamén se fan sen ovo) que se degustan xunto co churrasco e os chourizos criollos, que son o complemento gastronómico típico desta festa. Así, ao recinto feiral, onde artesáns como zoqueiros, ferreiros ou cesteiros venden as súas creacións e fan demostracións en vivo dos seus vellos oficios, o público achégase para comer ou só para comprar as filloas e degustalas en casa.
A Festa da Filloa de Muimenta, que naceu como iniciativa para recadar fondos para a organización da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) –un certame anual de carácter gandeiro, no que ten lugar a Exposición de Raza Loura Galega e o Concurso de Raza Frisoa, ademais de exposición de maquinaria agrícola e unha poxa de gando selecto–, ten hoxe personalidade propia, e recibe anualmente ao redor de 25.000 persoas. Grazas a ela, os habitantes da zona devolveron a filloa ao lugar preponderante que lle correspondeu sempre na gastronomía da zona e recuperaron para as súas casas os ferros típicos na súa elaboración.
Foi declarada de Interese Turístico Galego en 2008.