Presentación do documental "O principio do mundo de Julio Camba", dirixido por Aser Álvarez
Con motivo da celebración do 60º aniversario do seu falecemento, Aser Álvarez escribiu e dirixiu unha curtametraxe documental para o Consello da Cultura Galega sobre os primeiros anos na biografía de xornalista de Vilanova de Arousa, Julio Camba. Trátase da súa etapa menos coñecida que comeza no seu pobo natal e termina en Madrid, despois dun breve paso pola Arxentina de finais do século XIX.
Durante o acto de presentación do documental, Aser Álvarez estará acompañado polo investigador Carlos Lapeña.
Con esta peza audiovisual preténdese poñer en valor a etapa inicial do reputado escritor e xornalista, que presumía de ser o único galego ao que lle saíu gratis a viaxe de ida e volta ás Américas, onde chegou como polisón e foi expulsado polo seu espírito rebelde e revolucionario.
O documental ten unha duración de 25 minutos onde se explica a infancia, a primeira formación política, vital e humana tanto en Galicia como en Bos Aires como xornalista.
No proxecto audiovisual participaron os historiadores Ramón Villares e Xosé Manoel Núñez Seixas; dous dos biógrafos de Julio Camba, Pedro López e Benito Leiro; e a escritora Rosa Aneiros, ademais de varios veciños do seu pobo natal.