Presentación do libro "6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca", publicado por Biblos en edición de Suso Díaz e Helena Villar Janeiro
Este libro, singular e única na súa concepción, está coordinado por Suso Díaz e Helena Villar Janeiro e publicado por Biblos Clube de Lectores.
Lembranza e conmemoración son as dúas razóns que fundamentan esta publicación: a do centenario da primeira visita do poeta granadino a Galicia e a dos oitenta anos do asasinato de autor e editor dos Seis poemas galegos un 19 de agosto de 1936.
No acto de presentación intervirá Vicente Araguas, escritor e crítico literario e Suso Díaz, coordinador do libro.
Trátase dunha homenaxe aos 6 poemas galegos do poeta granadino, poemario que contribuíu a prestixiar a literatura galega do século XX dada a importancia literaria do autor e a súa universalidade. Pero tamén é unha homenaxe a Ánxel Casal, o editor, con quen o poeta compartiu a aventura de dar a luz este libro e outra aventura incomprensible e tráxica: o seu asasinato en agosto do 36, unidos para sempre xamais por unha mesma data.
A idea de Suso Díaz, compartida con Helena Villar Janeiro, era reeditar os 6 poemas de Lorca con novas aportacións que lles fixeran homenaxe, para o cal conseguiron reunir 6 grupos de 6 poetas cada un. Cada grupo apadriñaría un dos poemas e faría unha composición comunitaria inspirada nel; ademais, coa mesma inspiración, cada poeta achegaría o seu propio texto. En total 42 novos poemas para Lorca.
Ao final, unha composición colectiva mediante un acróstico con estas letras capitais: A ÁNXEL CASAL EDITOR DE SEIS POEMAS GALEGOS. 36 letras, 36 poetas, 36 versos para quen tanto fixo polas letras galegas nunha situación nada fácil.