Presentación do libro "El día que nos robaron el mando. Conversaciones sobre la crisis del periodismo en televisión", de VÍCTOR LÓPEZ, editado por EIUNSA
Manu Leguineche, Jesús Hermida ou Vicente Romero son algúns dos pesos pesados do xornalismo televisivo aos que o reporteiro Víctor López entrevistou para este libro, no que dan a coñecer a súa visión sobre a televisión que se fai en España.
Ademais do autor, intervirán no acto os xornalistas Diego Carcedo e Vicente Romero.
O xornalismo -e a televisión- cambiou moito nos últimos anos. Cambiaron a tecnoloxía, a estrutura empresarial, a filosofía de grupo, os valores humanos. O audiovisual busca agora xornalistas "polivalentes", un rédito económico que prima a estética sobre a ética, o espectáculo sobre o rigor, os contidos brandos sobre a calidade. Que influencia exerce a televisión sobre a opinión do espectador? A televisión comercial engorda? Que parte de responsabilidade teñen os empresarios, os traballadores audiovisuais e os propios cidadáns no consumo televisivo?
A sociedade actual, valéndose das ferramentas dixitais, quere ser suxeito activo na construción da realidade. Os medios de comunicación deben ser ante iso responsables e contribuír ao enriquecemento social, ao fortalecemento da capacidade crítica. Pola contra, a saúde democrática do seu tecido resentirase e o xornalismo verase abocado ao servilismo mercantil e político.
Este libro tratará de mostrar a evolución conceptual da televisión de onte a hoxe, a través da pluralidade de voces, o xuízo crítico e os principios deontolóxicos. Tentará analizar o seu funcionamento interno e dilucidar as pautas que permitan alumar o día que recuperemos o mando.
Dedica o seu libro a todos eses profesionais que informan con rigor, sexa cal for a súa especialidade e a súa ferramenta de traballo. A todos os que seguen tentando facer hoxe xornalismo de verdade.
VÍCTOR LÓPEZ (A Coruña, 1979) é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade Europea de Madrid e Máster en Dirección da Empresa Audiovisual pola Universidade Carlos III de Madrid.
Actualmente traballa como reporteiro nos Servizos Informativos de Antena 3 TV (Grupo Atresmedia), cadea coa que percorreu a práctica totalidade do territorio nacional e informou desde distintas partes do mundo.
As súas reportaxes en EEUU, Perú, Inglaterra, Noruega, Grecia, San Mariño ou a república de Benín achegáronlle ao xornalismo de investigación, á información en directo e á elaboración de programas especiais. Congreso, Audiencia, ministerios e sedes políticas, así como coberturas históricas destacadas, foron forxando o seu currículo e a súa particular forma de entender o labor xornalístico no medio audiovisual.
Ademais, escribiu guións de curtametraxes, realizou campañas publicitarias e é titulado en música polo Conservatorio de Santiago.