Presentación do libro "Escritos con el Corazón. Crónicas galeguileñas", do Dr. D. FRANCISCO R. GARCÍA FERNÁNDEZ.
O recoñecido cardiólogo compostelán ofrécenos un interesante conxunto de escritos publicados na súa maioría na prensa galega da que é colaborador, e que están referidos a diversos asuntos que o inquedaron, preocuparon, conmoveron na última década do seu dinámico e comprometido vivir.
FRANCISCO R. GARCÍA FERNÁNDEZ. Santiago de Compostela, 1952. Licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago, realizou o MIR no Hospital La Paz, onde foi adxunto de Cardioloxía. Tras pasar pola Universidade Autónoma de Madrid, obtivo o grao de Doutor Cum Laude e convertiuse en especialista de pulmón e corazón na Comunidade de Madrid.
Participou como conferenciante e autor en multitude de congresos, revistas e libros. É membro da Sociedade Española de Cardioloxía desde 1980. En 1991 pediu a excedencia para exercer a medicina privada, e desde entón dedica o seu tempo libre á divulgación médica, á historia e ao humanismo. É colaborador habitual de El Correo Gallego; foi vocal, secretario xeral e presidente da Asociación de Médicos Gallegos e é membro da Sociedad de Médicos Escritores desde 1995. Foi nomeado Académico da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia en 2007 e é tamén membro da Academia Médico-Quirúrgica Española e, por delegación desta, do Comité Asesor do Plan Estratéxico de Cardioloxía da Comunidade Autónoma de Madrid (2011-2015).
"Escritos con el Corazón. Crónicas galeguileñas", prologado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, está constituído por varios textos que tratan temas moi diversos. Hai artigos que tratan da súa profesión, o exercicio da medicina, cun certo talante crítico en ocasións se o considera conveniente, e outros foron elaborados con finalidade divulgadora, non exenta dalgún matiz irónico e de controversia moitas veces.
A súa linaxe, a súa familia, a súa terra galega, os seus recordos deron lugar a un considerable número de artigos que destilan vivencias entrañables e unha apacible nostalxia coa que se sazona o acontecer diario dunha vida.
Outro número destes curtos ensaios é de índole sociolóxica ou de carácter sociopolítico abertamente reprobatorio, algúns poden conceptuarse como expresión de inquedanzas filosóficas ou transcendentes e boa parte doutros son produto da súa condición de directivo da Asociación de Médicos Gallegos (ASOMEGA), nos que explica a súa orixe, finalidade e dedicación, así como a creación do denominado Premio Nóvoa Santos que outorga esta agrupación.
O acto de presentación deste libro estará presidido pola Ministra de Fomento do Goberno de España, Dª Ana María Pastor Julián.