Presentación do libro "GUÍA PRÁCTICA DE COCINA CLÁSICA ESPAÑOLA", do gastrónomo Baldomero Cabadas, editado por viveLibro
Trátase dunha guía na que se describen de forma abreviada unhas 700 receitas españolas. O receitario pretende servir de guía aos que teñen vocación pola gastronomía e vontade de exercer esta profesión.
O acto será presentado por Efrén Álvarez, cociñeiro e exconcursante de Master Chef.
Esta guía, que está baseada na cociña clásica española, está composta por receitas procedentes da gastronomía rexional e internacional, adaptadas ao estilo deste profesional con máis de medio século de experiencia e incorporando as súas propias creacións.
No manual atópanse pequenos consellos, orientacións, frases, exemplos e precaucións.
Baldomero Cabadas iniciou a súa carreira profesional como axudante de cociña no Hotel Lisboa de Vigo. Traballou no Hotel Balneario de Guitiriz (Lugo), foi xefe de cociña no restaurante Múnich en Vigo, onde puido desenvolver as súas inquietudes. Foi segundo xefe de cociña no restaurante-marisquería Maxi en Santa Cruz (A Coruña), no restaurante Internacional en Santa Cruz de Tenerife e no restaurante Cala Porter (Menorca). Foi xefe de cociña no Hotel Miño de Lugo e posteriormente no restaurante O Portón do Recanto. Despois de varios anos traballando no restaurante Gran Hotel de Lugo, conseguiu inaugurar o seu propio restaurante nesta mesma cidade, local que permaneceu aberto durante vinte anos.
Coa publicación deste libro pretende recompilar toda a súa experiencia e poñela a disposición do público amante da gastronomía así como servir de apoio aos chefs e profesionais do sector.