Presentación do libro "LA HISTORIA DE LA FILOSOFÍA – COMO NUNCA TE LA HABÍAN CONTADO-" de Marcelino Agís Villaverde, publicado por Hércules de Ediciones

Eventos
10/25/2018
10/25/2018
25/10/2018

Presentación do libro "LA HISTORIA DE LA FILOSOFÍA – COMO NUNCA TE LA HABÍAN CONTADO-" de Marcelino Agís Villaverde, publicado por Hércules de Ediciones

-

Con este título Marcelino Agís Villaverde, considerado unha das figuras máis brillantes da Filosofía en Galicia, publica un libro no que deixa ao carón os textos académicos para presentar unha obra na que achega a filosofía ao gran público cunha prosa atractiva e literaria.

No acto intervirán, ademais do autor, Manuel Maceiras Fafián, catedrático de Filosofía (emérito) da Universidade Complutense de Madrid; Tomás Domingo Moratalla, profesor de Filosofía da UNED en Madrid; e Laura Rodríguez Herrera, editora.

A través deste libro, o seu autor decidiu contar dun modo persoal a vida e obra dos principais pensadores de todos os tempos. Con esta obra pretende contribuír a que un público máis amplo se achegue á filosofía.

O libro empeza no século VI antes de Cristo e acaba no século XXI. Aborda toda a historia da filosofía antiga, medieval, renacentista, moderna e contemporánea. Hai representantes españois e galegos. De Galicia aborda a dous ilustrados, o padre Feijoo e o padre Sarmiento, e a Ángel Amor Ruibal.

Marcelino Agís Villaverde (Poio, Pontevedra, 1963) é catedrático de Filosofía e director do Departamento de Filosofía e Antropoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, ademais dun dos pensadores galegos con maior proxección académica internacional, pois foi profesor convidado en universidades de Europa (Italia, Alemaña, Portugal), América (Brasil, EE. UU., México, Chile) e Asia (Xapón).

Fundador e presidente da Sociedad Interuniversitaria de Filosofía de Santiago de Compostela, presidente do Foro Galicia Milenio e membro do comité científico doutras prestixiosas revistas, tamén é colaborador habitual de medios como El Correo Gallego.

Formado en París e Chicago con Paul Ricoeur, a súa ampla traxectoria investigadora céntrase nos ámbitos da hermenéutica do sacro, a hermenéutica filosófica e o pensamento galego, labor que lle foi recoñecida con diferentes distincións, como a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago de Compostela (2006) ou o Premio de Ensaio Manuel Murguía (2015).

Entre as súas obras máis destacadas son de cita obrigada Mircea Eliade. Una filosofía de lo sagrado (1991), El discurso filosófico: análisis desde la obra de Paul Ricoeur (1993), Del símbolo a la metáfora. Introducción a la filosofía hermenéutica de Paul Ricoeur (1995), Historias de la Filosofía (1997), Crónica viva del pensamiento gallego (2001), Paul Ricoeur: la fuerza de la razón compartida (2004), Caminantes. Un itinerario filosófico (2009) ou Conocimiento y razón práctica. Un recorrido por la filosofía de Paul Ricoeur (2011), ademais doutros textos en coautoría publicados en Italia, Venezuela, Portugal, Alemaña ou Francia, varios sobre a figura de Ricoeur.

Traducido ao español, inglés, xaponés e ruso, Agís Villaverde é probablemente o pensador actual que dedicou máis páxinas á recuperación e o estudo de filósofos e intelectuais galegos, o que converte os seus traballos nunha referencia imprescindible para o coñecemento desta tradición.

25 Outubro 2018
Eventos
Imaxes