Presentación do libro "Nuevos ensayos críticos sobre Emilia Pardo Bazán (Y una nueva selección de cuentos)", de Juan Paredes
O profesor Juan Paredes Núñez, unha eminencia no estudo da narrativa breve de Emilia Pardo Bazán, presenta este libro que pretende ser unha homenaxe a unha das personalidades máis relevantes no universo da literatura, a cultura e a vida españolas da segunda metade do século XIX e principios do século XX.
Intervirán no acto de presentación: Carlos Alvar, catedrático da Universidade de Xenebra; Basilio Rodríguez Cañada, presidente do Grupo Editorial Sial Pigmalión; e o autor da obra, Juan Paredes.
O traballo é unha mirada crítica sobre Emilia Pardo Bazán desde a nosa perspectiva contemporánea, analiza a estrutura dos seus contos e ofrece a súa propia e actual consideración teórica do xénero. Estes ensaios veñen destacar a actualidade dunha escritora, adiantada ao seu tempo, cuxa poliédrica figura, como a súa propia obra, non deixou de espertar a atención de lectores e estudiosos.
Complétase o volume cunha selección de contos, que recolle algúns dos máis significativos, desde "Un matrimonio del siglo XIX", publicado cando a moza Emilia apenas contaba catorce anos, ata "El árbol rosa", o seu último conto, pasando polos máis representativos das coleccións recollidas pola propia autora ou aqueles que polo seu significado mereceron unha particular atención neste estudo.
Juan Paredes Núñez é catedrático emérito da Universidade de Granada. Centrou boa parte do seu labor investigador no estudo da lírica románica medieval, particularmente galego-portuguesa, con numerosos traballos, moitos deles recolleitos no volume-homenaxe que lle dedicou a Universidade de Santiago de Compostela co título Alfonso X e outras escrituras do trovar. É autor da edición crítica do cancioneiro profano de Alfonso X.
Polo que se refire á narrativa curta, outra das súas liñas fundamentais de investigación, publicou obras significativas como Las narraciones de los Livros de Linhagens, Formas narrativas breves en la literatura románica medieval: problemas de terminología, El cuento literario (Historia de la narrativa breve en las literaturas románicas) ou Las voces del cuento. Xa fóra do ámbito medieval destacan as dedicadas a Emilia Pardo Bazán: "Los cuentos de Emilia Pardo Bazán", "La realidad gallega en los cuentos de Emilia Pardo Bazán", "Emilia Pardo Bazán. Cuentos (Selección)", a edición da primeira novela, "Aficiones peligrosas", ou a dos contos completos.