Presentación do libro "Sobre las fugas de Cunqueiro", de Xosé Landeira Yrago, publicado por AUGA EDITORA.
AUGA EDITORA recupera con esta edición un texto inédito do escritor, periodista, ensaísta e crítico literario Landeira Yrago, sucesor no cargo de director de Faro de Vigo e amigo íntimo do gran escritor de Mondoñedo. O libro está prologado e anotado polo neto do autor, avogado e tamén periodista, Renato Landeira, que intervirá no acto de presentación, xunto con Pilar Falcón, presidenta do Club de Periodistas Gallegos en Madrid e Xosé A. Perozo, escritor e periodista.
Esta obra periodística, pero tamén de pensamento profundo, de xuízos literarios e reflexión amena sobre a vida e obra dun amigo admirado, ofrece imaxes novas dun dos narradores galegos máis universais, ao tempo que debuxa as peripecias dun escritor obrigado a exercer o traballo de periodista como medio de vida, como un modo de independencia para crear os seus propios universos ficticios, fóra das esixencias editoriais.
Landeira Yrago revélanos nestas páxinas ao Álvaro Cunqueiro máis humano, máis amigo dos seus amigos, máis creativo e máis inconformista. Ao Cunqueiro capaz de escribir un gran artigo no momento e no lugar máis hostil. Ao Cunqueiro capaz de mesturar a realidade coa fantasía dun xogo de cartas. Ao Cunqueiro cansado e traballador incansable ao mesmo tempo, ao inconformista e ao soñador. Ao conformista e ao crítico que escribe e debuxa en calquera parte, mesmo, como sucede coa ilustración da contraportada do libro, no reverso dunha carta do ministro Manuel Fraga.
Xosé Landeira Yrago (Santiago de Compostela 1922-Vigo 1995). Periodista e escritor. Foi redactor xefe do diario La Noche (1946-1949) e formou parte da primeira xunta directiva do Patronato Rosalía de Castro (1947). En 1950 trasládase a Brasil onde foi canciller da embaixada de España en Río de Xaneiro (1953-1962), cargo que compaxinaría coa corresponsalía nese país dos diarios La Vanguardia e Madrid.
En 1964 regresa a Galicia onde se integra en Faro de Vigo como redactor xefe (1964-1965). Posteriormente sería subdirector (1965-1975) ás ordes de Álvaro Cunqueiro (1965-1970) e finalmente director de Faro de Vigo (1975-1978), asumindo así mesmo a codirección, desde 1973 ata 1988, da revista galega de cultura Grial xunto a Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro. Posteriormente e ata a súa xubilación foi xefe de prensa do Tribunal Constitucional (1980-1987). Dedicou gran parte da súa vida literaria ao estudo da obra de Federico García Lorca en Galicia, Luis de Camões, El Quijote e moi especialmente a literatura galega da xeración Galaxia. Destacan tamén os seus traballos sobre Shakespeare, Eça de Queiroz e Guimarães Rosa para o público lector brasileiro e portugués.
É autor das obras Elucidário de Camões (Companhia Aguilar Editora, 1963), Diccionario de nombres propios del Quijote (Codex, 1965), Antoloxía de poesía galega. Dos devandeiros ao dezaoito (Galaxia, 1975), Federico García Lorca, de A a Z (Nova Aguilar, 1976), Federico García Lorca y Galicia (Edicións do Castro, 1986) e Viaje al sueño del agua. El misterio de los poemas gallegos de García Lorca (Edicións do Castro, 1986). Publicou tamén numerosos ensaios literarios de diversa temática en Grial (1966-1985).