Presentación do libro "Sueño de infancia", de MONCHO ROUCO

Eventos
06/12/2018
06/12/2018
12/06/2018

Presentación do libro "Sueño de infancia", de MONCHO ROUCO

-

A súa novela está a medio camiño entre o recordo pausado propio dos libros de memorias e o ritmo vibrante dos relatos de aventuras. Narra as memorias dun neno que viviu en Galicia no tránsito dos anos 60 aos 70.

Trátase dunha proposta narrativa coa que o seu autor, Moncho Rouco, aparece na literatura galega, para deixarnos un relato orixinal, divertido e reflexivo.

Acompañarán ao autor nesta presentación: Ricardo Santos, Doc. Profesor de Xeografía e Historia; e José Manuel Martín, editor.

A novela "Soño de infancia", editada por Edicións Xerais, da que é autor Moncho Rouco, escritor galego residente en Canarias desde hai moitos anos, está a medio camiño entre o recordo pausado propio dos libros de memorias e o ritmo vibrante dos relatos de aventuras. Con esta obra, Rouco fai a súa primeira incursión na narrativa galega.

A novela transcorre nun tempo e nun espazo que anunciaban a entrada nunha era de cambios tecnolóxicos, sociais e políticos, con Galicia a metade de camiño entre a súa querenza rural e o progresivo acomodo á vida urbana.

"Soño de Infancia" recrea con orixinalidade, humor e tenrura a nenez e o espertar á adolescencia de Ramón, un raparigo que transita polos arrabaldes da Coruña que, como todos os que foron nenos ata o final da década dos sesenta -a última fronteira entre os xogos da rúa e a tecnoloxía-, accede ás grandes aprendizaxes da vida alleo á mirada adulta.

O Cuartel da Garda Civil da Coruña é o escenario central, entre altas murallas, dun patio de xogos con decenas de críos en constante ebulición. Centenares de xogos agardaba a nenas e nenos no baúl da imaxinación. Xogar era gratis total. Por aquel tempo ser "fillo do Corpo" marcaba diferenzas e engadía riscos entre cuadrillas.

"Soño de Infancia" transmite sensacións e vivencias dun tempo que transcorría entre a emoción do instante, propio da nenez, e a inquietude ante o intolerante. Os escenarios reflicten un tempo onde o rural e o urbano estaban distanciados por anos de atraso.

A lectura desta novela transmite: desde o recordo do vivido cos ollos da madurez, á curiosidade do mozo lector, ao camiñar por unhas paisaxes onde para xogar non era necesario comprar.

Ao camiñar por estas liñas, o sorriso aloxarase no seu rostro, a emoción no sentimento e a curiosidade polo que está por chegar.

MONCHO ROUCO naceu en Ponteceso. Instalouse aos sete anos na Coruña. Pasou a súa infancia e mocidade entre as paredes do Cuartel da Garda Civil, nos arrabaldes dunha cidade que camiñaba, en branco e negro, polos anos sesenta e setenta do século pasado. Actualmente reside en Tenerife. É arquitecto técnico, construtor, articulista en medios de comunicación.

 

 

12 Xuño 2018
Eventos
Imaxes