Presentación do vídeo Museo Madres Clarisas de Monforte de Lemos
Este museo de arte sacra, un dos máis importantes de Galicia, ocupa algunhas estancias do convento de Santa Clara de Monforte de Lemos, fundado no ano 1622 por Catarina de la Cerda y Sandoval, esposa de Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos, quen ao quedar viúva tomou os hábitos no devandito mosteiro. Este mecenado cobra especial importancia, xa que a colección acolle parte do importante legado artístico que ambos doaron; magníficas pezas de pintura, escultura, marfiles, téxtiles e obxectos suntuarios -especialmente relicarios- recollidos polos Condes de Lemos durante o seu virreinato en Nápoles entre os anos 1610 e 1616.
A exposición alberga a colección máis importante de arte italiana do primeiro terzo do século XVII que hai en Galicia. Desenvólvese ao longo de cinco salgas nas que se mostran magníficas pezas de pintura, escultura, pratería, marfiles, téxtiles, etc. adquiridas polos Condes durante a súa estancia en Nápoles e aumentadas por importantes obras adquiridas en España. Entre as pezas máis destacadas están as esculturas do taller de Gregorio Fernández, expoñente da Escola Castelá do século XVII, como é o caso do Cristo Yacente en urna procesional, e dúas inmaculadas. Especial relevancia teñen tamén as pezas de ourivaría do Renacemento italiano do século XVII, así como os relicarios das escolas italiana e castelá ou os bordados en sedas das pezas do ornamento e indumentaria litúrxicas e vestimentas de imaxes, procedentes probablemente dun taller monacal do século XVII.