Proxección da película-documental "DIGNA RABIA" de Ángel Rodríguez Gallardo, profesor da Universidade de Vigo
Digna Rabia é un relato coral de mulleres de diversas xeracións que reflexionan sobre o impacto que o franquismo tivo nas súas vidas.
O seu autor repasa a soidade das mulleres na posguerra, a súa reclusión no mundo doméstico, a ideoloxía da muller falanxista, a responsabilidade da Igrexa Católica na submisión da muller ao home, a violencia de xénero, as dificultades para instruírse, o Servizo Social e o seu infatigable compromiso co traballo a pesar de non contar co recoñecemento do que gozaban os homes.
Son mulleres anónimas as que nos contan a súa experiencia co contrabando, co traballo irregular, coas tarefas do campo, como canteiras, como traballadoras asalariadas, como mozas de servir, como mendigas, como costureiras, como mariscadoras. En todas esas historias resoan a desigualdade e a invisibilidade das mulleres fronte ao poder masculino nun mundo gobernado só por homes.
Contra esa violencia permanente vanse rebelar as primeiras mulleres antifranquistas con conciencia feminista. Organizadas dentro dos partidos e sindicatos de esquerda, van crear novos espazos cívicos cos que cuestionar o estatus de control, xerarquía e dominio masculino. E van construír as bases do ideario feminista democrático contemporáneo. Non sen problemas. Aínda na segunda década do século XXI, os avances conseguidos na igualdade social entre homes e mulleres están sen completar. Un grupo de mulleres libres e conscientes formulan algunhas solucións.
Ángel Rodríguez Gallardo é profesor da Universidade de Vigo. Doutor en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Desenvolvemento, Produción e Comercialización en Contidos Audiovisuais pola Universidade de Vigo. Especialista en Análise do Discurso e en Historia Contemporánea. En concreto especializouse na historia dos procesos represivos ocorridos durante as ditaduras do século XX, sobre o que publicou varios libros nos últimos anos. Dirixiu varios proxectos de investigación sobre a memoria histórica e sobre a memoria audiovisual en clave de xénero. Digna Rabia (2011) é o seu primeiro documental.
Victoria Martins Rodríguez é investigadora da Universidade de Vigo. Máster en Historia Contemporánea pola Universidade de Vigo, especializouse na represión padecida polas mulleres galegas durante o franquismo e en cuestións de xénero con tratamento audiovisual. Está realizando unha tese sobre o No-Do en Galicia. Digna Rabia (2011) é o seu primeiro documental.