Recital de guitarra e voz "QUERIDA ALEGRÍA", por Emilio Rúa

Eventos
02/09/2016
02/09/2016
09/02/2016

Recital de guitarra e voz "QUERIDA ALEGRÍA", por Emilio Rúa

-

O cantautor ourensán presenta o seu sexto traballo no que mestura cancións inéditas, versión doutros discos e revisións de temas populares, ademais de contar coa colaboración das pandereteiras Xestreu, de Carlos Blanco, do músico vasco Kepa Junquera e do guitarrista Daniel Minimalia.

O disco, financiado vía crowdfunding, está composto por dez temas e dous bonus track, a através do cal o cantautor pretende transmitir optimismo a todo aquel que nalgunha ocasión estea pasando por un momento de dificultade.

Trátase, pois, dun repaso aos seus cinco traballos editados durante 15 anos de carreira discográfica e dun percorrido musical a través de cancións xa publicadas e de temas populares da cultura galega reinterpretados dunha forma persoal e festiva, ademais de poemas de grandes clásicos da poesía galega.

Emilio Rúa leva trinta anos no mundo da música. Comezou na orquestra familiar Concorde Atenea formada polo seu pai e os seus catro irmáns maiores, con sete anos de idade.

Foi no ano 2000 cando publica o seu primeiro traballo discográfico homónimo con temas inéditos (Edicións do Cumio 2000). Logo chegarían "Vida Miña" (Boamusic 2006) e "Interior" (Paimúsica 2009), ao que engadiría un libro-disco co escritor e poeta Xosé Carlos Caneiro (Galaxia 2010). Sen esquecer os dous premios nacionais de canción de autor de Ceutí e Elxe, cantando sempre en galego.

En 2012 edita o seu quinto traballo titulado "Destino Sur", producido por Emilio Rúa e Segundo Grandío no que o son camiña cara ao folk americano co que o autor ve unha ligazón coa música galega. Pero sempre co estilo persoal e característico que o representa en cada un dos seus traballos.

09 Febreiro 2016
Eventos
Imaxes