Recital de poesía de BEATRIZ HERNANZ

Eventos
11/18/2015
11/18/2015
18/11/2015

Recital de poesía de BEATRIZ HERNANZ

-

A poeta pontevedresa fará un breve percorrido polos seus libros máis significativos, mesmo recitará poemas en galego da súa antoloxía "A pelegrina do vento". Ademais, lerá poemas inéditos do libro que está a piques de publicar "Habitarás la luz que te cobija".

O poeta Miguel Losada acompañará a Beatriz Hernanz neste recital.

 

Naceu en Pontevedra, cidade á que segue vinculada poética e vitalmente, aínda que reside en Madrid.

Doutora en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid, universidade na que cursou tamén un Máster en Pedagoxía. Foille concedida unha bolsa Stevenson para realizar estudos de doutoramento na Universidade de Edimburgo.

A súa actividade profesional centrouse de maneira simultánea en catro frontes: 1) o labor docente universitario, 2) a crítica literaria nos principais xornais nacionais e revistas literarias, 3) a xestión cultural e educativa, e 4) a creación literaria.

Foi profesora en distintas universidades inglesas e americanas, ademais de directora académica na ESADT da Universidade de Kent.

Como xestora cultural e educativa, desenvolveu cargos de responsabilidade na Compañía Nacional de Teatro Clásico, foi Directora do Centro de Documentación Teatral do INAEM, así como Coordinadora Xeral da Comisión do Centenario de 1898.

Leva máis de tres lustros traballando na cooperación educativa e cultural con Iberoamérica, desenvolvendo tarefas de dirección académica no Programa de Bolsas Endesa de Patrimonio Cultural co MEC.

Durante 11 anos foi Directora Executiva das áreas de Humanidades, Tecnoloxías e Infraestruturas do programa de bolsas da Fundación Carolina do MAEC.

Desempeñou funcións de Directora Executiva de Programas In Company na Escola de Negocios EOI, ademais de especializarse en Educación 2.0 e poñer en marcha o CRN en Comercio electrónico e márketing dixital.

Colaboradora habitual de Cursos de Verán de distintas universidades, así como profesora convidada e conferenciante en diversas institucións culturais e universitarias tanto en Europa como en Hispanoamérica.

Crítica literaria en ABC Cultural (1992-1998), e no CULTURAL do Mundo (1998-2008) e en Babelia do País. Participou como representante de España en foros de Educación e Cultura do Consello de Europa.

Ten no seu haber numerosos artigos, ensaios e edicións sobre literatura española, especialmente sobre teatro clásico e contemporáneo e poesía española do século XX.

No campo da tradución, fixo versións en castelán de poetas como Montale, Cummings, Swzymborska, Mario Quintana, entre outros. Membro do consello de dirección das revistas Rei Lagarto e Revista Áurea, así como Membro da AIH e da ACE

Na actualidade é Directora de Cultura do Instituto Cervantes.

Como poeta, publicou:

“La lealtad del espejo” (premio Barcarola de poesía, Albacete, 1993)

“La vigilia del tiempo” (Accésit do premio Adonais, Madrid, Rialp, 1996) libro que recibiu unha axuda á creación literaria do Ministerio de Cultura, 1994).

“La epopeya del laberinto” (Palma de Mallorca, Calima, 2001)

“La piel de las palabras” (Palma de Mallorca, Calima, 2005. Prólogo de Pepe Caballero Bonald).

“Los volcanes sin sueño”.( Con Poema preliminar de Rafael Cadeas; Madrid, Polibea, colección Os Conxurados, 2011)

Publicou unha  antoloxía da súa poesía en galego, “A pelegrina do vento” (Toledo, Lastura, 2013).

Figura en multitude de revistas literarias e antoloxías, así como en páxinas e bibliotecas electrónicas de poesía.

Na actualidade está a finalizar un novo libro de poemas, cuxo titulo provisional é “Habitarás la luz que te cobija”.

18 Novembro 2015
Eventos
Imaxes