Exposición de pintura "ANXOS 2", de Gill Bird
Do 9 ao 31 de xaneiro a Casa de Galicia en Madrid acolle a exposición de pintura "Anxos 2" da artista galesa, fincada en Ourense, Gill Bird.
Esta pintora fala na linguaxe universal da creación artística para que todos que contemplan a súa obra poidan entender o seu complexo e rico mundo, constituído pola inmensa vida que a rodea na Casa Grande de Soutullo (Coles), o seu taller artístico, no que nacen os seus cadros. A súa pintura reflicte a aparencia dos obxectos, paisaxes ou figuras. Representa imaxes reconocibles do mundo real, pero non como todos os demais vémolas, senón que son interpretadas desde a súa mirada subxectiva, recorrendo á imaxinación, rompendo a perspectiva, reformando ou estilizando as figuras, achegando así connotacións internas que reflicten o seu mundo interior.
Cultura, vivencias e influencias marcan a subxectividade dunha artista imaxinativa e cunha gran de liberdade expresiva. Unha pintura fortemente influída polos pintores británicos dos 60 e 70, como Julian Freud, na forza do seu debuxo e carácter, e tamén pola primeira etapa de David Hockney, coa súa colección "piscinas" e máis tarde coa súa etapa de photocollage . A inspiración máis actual procede da tamén británica Jenny Seville, unha das novas pintoras máis sorprendentes da contemporaneidade.
A pintura de Gill Bird está formada por figuras elegantemente trazadas, con liñas, formas e texturas que nos aproximan sensualmente ás imaxes, volvéndose agradables, interesantes, suxestivas. Utiliza unha paleta de cores na que predominan os tons apastelados, que desde unha percepción moi persoal, achégannos aos grandes creadores ourensáns. Debuxo, colaxe, luz, cor, son as armas pictóricas coas que Gill fainos sentir a realidade do seu mundo, que tamén pode ser o noso.
A mostra poderá contemplarse ata o 31 de xaneiro en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.
NOTA: As exposicións da Casa de Galicia poden estar temporalmente pechadas ao público cando nas súas salas están a ter lugar outros eventos que forman parte da súa programación de actos.