Aegama celebra na Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia a xornada "Como cuadruplicar as vendas nun ano"
A Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama), en colaboración coa súa asociada Escola de Negocios Level UP, celebrou hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia a xornada empresarial "Como cuadriplicar as vendas nun ano", baseada nun caso real, un bufete de avogados que recibiu asesoramento desta empresa.
Interviñeron nela o vicepresidente de Aegama responsable de Pemes, Casimiro Masaguer, que presentou ao relator, Carlos Carcelén, director de Expansión de Level UP, máster en Márketing, Finanzas e Recursos Humanos e experto asesor empresarial, e á empresa á que representaba, da que destacou a súa ampla experiencia e a súa atención ao que desexa o cliente, e o propio Carcelén, quen expuxo as estratexias coas que axudaron a unha empresa para cuadriplicar as súas vendas e explicou conceptos e ferramentas aplicables a calquera peme ou autónomo.
A maneira en que se move o diñeiro no mercado e o cambio dalgunhas percepcións respecto diso para alcanzar mellores resultados, potenciar a innovación mesmo sacando proveito de situacións aparentemente negativas e a diferenciación doutras empresas foron algunhas das cuestións abordadas por Carcelén na súa conferencia.
Ao final da exposición houbo unha quenda de preguntas na que os asistentes ao acto puideron aclarar dúbidas e ideas.