Ángel Basanta valora na Casa de Galicia en Madrid a contribución de José María Merino ao microrrelato
José María Merino "é un dos escritores españois que máis e mellor contribuíron á construción da teoría do microrrelato, que xa conta cunha importante bibliografía, e está considerado como un dos mestres indiscutibles na creación de minificcións representativas desta modalidade narrativa", mantivo hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia, o catedrático de Literatura Española e presidente da Asociación Española de Críticos Literarios Ángel Basanta, na conferencia que ofreceu sobre o escritor nacido na Coruña, "José María Merino: teoría e práctica do micorrelato".
Madrid, 4 de decembro de 2013. - José María Merino "é un dos escritores españois que máis e mellor contribuíron á construción da teoría do microrrelato, que xa conta cunha importante bibliografía, e está considerado como un dos mestres indiscutibles na creación de minificcións representativas desta modalidade narrativa", mantivo hoxe na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia, o catedrático de Literatura Española e presidente da Asociación Española de Críticos Literarios Ángel Basanta, na conferencia que ofreceu sobre o escritor nacido na Coruña, "José María Merino: teoría e práctica do micorrelato".
O conferenciante estivo acompañado polo coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen recordou que Basanta xa estivera na tribuna da Casa, tratando temas "coa máxima solvencia" e valorou que o elixido para esta ocasión, o microrrelato, é "un xénero que dun tempo a esta parte rexuveneceu a literatura española". Basanta logrou a presenza entre o público do propio José María Merino, protagonista da súa conferencia -que contou algunhas anécdotas no coloquio posterior-, ademais da do xornalista Carlos Reigosa, protagonista dun dos seus libros, dos escritores Matías Escalera e Marina Mayoral e do cónsul xeral de Brasil en Madrid, João Almino.
Basanta explicou que o microrrelato é un xénero narrativo que alcanzou un extraordinario auxe nas últimas décadas. "Defínese pola súa acusada brevidade e a súa intensa narratividade, a súa extrema concentración e economía expresiva sustentadas na elipse e a arte de suxerir," concretou.
Precisou así mesmo que "aínda que sempre houbo microrrelatos, dende as primeiras manifestacións da literatura, este cuarto xénero narrativo (xunto coa novela, a novela curta e o conto) nace como tal a partir do Romanticismo e, sobre todo, no Modernismo, con Rubén Darío á cabeza; alcanza o seu pleno desenvolvemento ao longo do século XX, a partir de Juan Ramón Jiménez e Ramón Gómez de la Serna, en España, e, máis aínda, en Hispanoamérica, con mestres como Borges, A. Monterroso e J. Cortázar; e consolídase como o cuarto xénero narrativo a finais do XX e comezos do XXI, con textos de Luis Mateo Díez, José María Merino, Ana María Shua e Andrés Neuman, entre outros autores españois e hispanoamericanos,".
Os microrrelatos de Merino están reunidos no volume titulado "A glorieta dos fuxitivos. Minificción completa" (2007). A eles hai que engadir bastantes microrrelatos máis intercalados despois entre os contos de "O libro das horas contadas" (2011). Neste corpus de minificcións centrouse a conferencia de Ángel Basanta, quen resaltou a importancia e a frecuencia dalgúns tipos de microrrelato entre os de Merino e analizou pezas que, pola súa excelencia, resultan emblemáticas na súa categoría.
Indicou tamén que, aínda que leonés, Merino naceu na Coruña e mantivo unha relación moi estreita coa literatura galega, sobre todo con autores tan importantes como Torrente Ballester e Álvaro Cunqueiro, entre outros.