Ángeles Vázquez pon en valor o litoral galego na Casa de Galicia en Madrid
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou a Casa de Galicia en Madrid para coñecer de cerca a exposición Galicia, litoral máxico. Acompañada polo director da representación institucional do goberno galego na capital, Luis E. Ramos, a conselleira cualificou esta mostra como a mellor invitación para descubrir os valores ambientais, turísticos, socioculturais e económicos da costa galega.
Durante o seu percorrido pola mostra, que se enmarca na exposición Galicia, naturalmente, Ángeles Vázquez puxo en valor as obras artísticas que a integran por plasmar á perfección a través das diferentes disciplinas os “recunchos máxicos” do noso litoral coa súa fisionomía tan característica, a súa riqueza natural, o amplo patrimonio cultural ou as tradicións mariñeiras.
Nese senso, Ángeles Vázquez subliñou o obxectivo da Xunta de garantir un desenvolvemento sostible da costa, que se plasma na Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, unha norma “pioneira e innovadora” a través da que preservar o seu valor medioambiental ao tempo que se promove o seu potencial social e económico.
De feito, logo do traspaso á Administración autonómica das funcións e servizos nesta materia o pasado 1 de xullo, a Xunta xa trazou un calendario de actuacións para dar a coñecer e facer o litoral galego “máis atractivo que nunca”.