A Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid celebrou na Casa de Galicia un acto de presentación de novos asociados

Notas de prensa
11/19/2015
11/19/2015
19/11/2015

A Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid celebrou na Casa de Galicia un acto de presentación de novos asociados

A Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama) celebrou esta tarde na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia un acto de presentación de novos asociados no que deu a coñecer a dezaseis novos membros da entidade, as súas empresas, actividades e servizos, pertencentes a ámbitos tan dispares como o agrario, das novas tecnoloxías, centros de negocio, combustibles, “coaching”, construción, seguros, seguridade, enerxía, consultoría, xestión de patrimonio, hostalería e enxeñería enerxética.

En nome de Aegama deu a benvida aos directivos e socios da entidade o seu xerente, José Cerdeira, que conduciu posteriormente o acto xunto co vicepresidente para Pemes de Aegama, Casimiro Maseguer.

Meseguer defendeu que a dureza do mundo dos negocios diminúe “cando podemos tratar con persoas ás que coñecemos e, se fose posible, das que somos amigos”, subliñando que o obxectivo do encontro era precisamente “presentarnos e achegarnos entre nós para establecer amizade” e facer crecer as posibilidades de facer negocio. Un segundo obxectivo era “o compromiso individual” dos asociados de “difundir e prescribir o produto dos nosos compañeiros”.

Os directivos de Aegama foron nomeando un por un aos novos asociados e lendo unha breve presentación de cada un tras a cal os interesados tiveron un minuto para completar a información ofrecida.

Tras as presentacións, Cerdeira deu paso a unha actuación de maxia a cargo do ilusionista Luís Boyano, titular da firma Soluciones Máxicas, asociada de Aegama, por aquilo de que “ás veces as dificultades multiplícanse e hai que facer maxia para pasar o fatídico fin de mes”, segundo explicou Cerdeira. Boyano puxo unha nota de asombro entre os asistentes antes de que pasasen ao tempo reservado para establecer contacto entre os socios (“networking”).

19 Novembro 2015
Notas de prensa
Imaxes