Camariñas na Casa de Galicia
A Delegación da Xunta en Madrid acolleu hoxe a visita do alcalde e parte da corporación da localidade coruñesa de Camariñas famosa polos elaborados encaixes que nela se elaboran. Manuel Valeriano Alonso acompañado pola concelleira de Cultura Sandra Insua e a presidenta da Mostra do Encaixe de Camariñas Dolores Lema, acudiron á Casa de Galicia en Madrid e nela deron a coñecer o novo cartel e a programación da XXVIII edición da Mostra do Encaixe de Camariñas, que se celebrará entre os días 28 de marzo e 1 de abril de 2018 .
Foron recibidos polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega a quen Alonso lle entregou, como mostra de afecto, unha peza conmemorativa da pasada edición elaborada cos tradicionais palillos.
No sinxelo pero emotivo acto o alcalde sinalou o seu interese en destacar que "desde o Concello de Camariñas desexamos convidar á Mostra a todos os visitantes da Casa de Galicia, para que poidan coñecer en primeira persoa o legado do encaixe e gozar de todas as tradicións que rodean a esta arte". Por iso fixo entrega de invitacións e material gráfico da zona, dado que na Casa existe unha oficina de Turismo permanente e cada día acoden en busca de información e asesoramento veciños de Madrid que teñen previsto viaxar a Galicia.
Pola súa banda Ónega, como experto anfitrión que é, mostroulles as diferentes dependencias así como os usos que de cada unha pódese facer e "que están á vosa disposición para presentar e difundir os atractivos da vosa zona, que sen dúbida son moitos", algo que prometeron ter en conta para sucesivas edicións.
Na cita deste ano para homenaxear o encaixe Camariñas seguirá apostando polo valor dunha arte tradicional que é esencia da localidade galega e que pretende converterse canto antes en Festa de Interese Turístico Nacional.