A Casa acolleu esta mañá a Xornada Empresarial de AEGAMA sobre "Xestión do patrimonio financeiro e inmobiliario" organizada en colaboración con Optima Financial Planners
A Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid, acolleu esta mañá a Xornada empresarial “Xestión do Patrimonio Financeiro e Inmobiliario”, organizada pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (AEGAMA) en colaboración con OPTIMA Financial Planners, empresa especializada en Planificación Financeiro-Fiscal, para ofrecer aos asociados e interesados as claves sobre asesoramento financeiro.
O delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega saudou e deu a benvida ao presidente de AEGAMA Julio Lage, así como aos socios e asistentes, transmitindo o seu desexo de que fose “unha xornada moi productiva”; lembrando ademais que “podedes contar co apoio incondicional desta Casa”, xesto que Lage agredeceu; “sabémolo, agradecémolo, e por iso estamos aquí”, foi a súa resposta.
A xornada celebrouse de de 9:30 a 12:30 horas. Na primeira parte, os financial plannners Ángel Alonso e David Rey, interviñeron para expoñer as formulacións e responder a todo tipo de cuestións relacionadas con investimentos e bens inmobles. Preguntas como ¿son os bens inmobles a mellor maneira de protexer o meu futuro financeiro? ¿Poden axudarme a manter o meu nivel de vida a longo prazo? ¿É un bo vehículo para alcanzar as miñas metas persoais e familiares?, foron respondidas polos especialistas, despois de analizar as variables expostas.
Optima Financial Planners é unha empresa independente especializada en planificación financeiro-fiscal que ofrece asesoramento aos seus clientes, aos que achega solucións a medida, co obxectivo de garantir a súa seguridade financeira e aproveitar ao máximo as vantaxes fiscais, tanto no ámbito profesional como persoal. Neste caso, prepararan unha sesión específica para os socios de AEGAMA.
A segunda parte da xornada foi un tempo previsto para o correspondente networking.