A Casa acolleu esta tarde a celebración da Asemblea Xeral de AEGAMA
A Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (AEGAMA) celebrou esta tarde a Asemblea Xeral Ordinaria na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia, tal e como fixo en anteriores exercicios desde que o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega "abrise as portas ás asociacións galegas en Madrid para as súas reunións".
A mesa estaba integrada polo presidente de AEGAMA, Julio Lage; María José Pintor, secretaria; e o tesoureiro, Gaspar de Vicente; e na sesión ativéronse aos diferentes puntos da orde do día marcados.
Entre os actos realizados no pasado exercicio destacaron: a entrega do Premio Victoriano Reinoso. O II Encontro de Empresarios Galegos no Mundo, que se celebrou en agosto de 2015 en Santiago, ao que asistiron entre outras personalidades, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde e o secretario xeral de Emigración, Antonio R. Miranda. A conmemoración dos 25 anos da fundación da Asociación, que contou coa asistencia dos presidentes das comunidades de Madrid e Galicia, Cristina Cifuentes e Alberto Núñez, así como do delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega. Sen esquecer o encontro de Nadal, coa entrega de distincións de AEGAMA aos doce socios que destacaron pola súa dedicación e compromiso coa Asociación.
Lembraron ademais a renovación realizada na páxina web, "agora máis atractiva", http://www.aegama.com; e dedicaron apartados para expoñer o Plan de acción 2016; Exame e aprobación do Orzamento para 2016 e Rogos e preguntas, tal e como estaba previsto.