A Casa acolleu a presentación do libro "Camino a la estabilidad. Cómo derrotar la inflación para avanzar hacia el desarrollo económico y social" do economista e político arxentino Domingo Cavallo
A Casa de Galicia, delegación da Xunta en Madrid acolleu esta tarde a presentación do libro “Camino a la estabilidad. Cómo derrotar la inflación para avanzar hacia el desarrollo económico y social” do economista e político arxentino Domingo Cavallo. O acto, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid e o Instituto Choiseul España, contou coas intervencións do propio autor Domingo Cavallo; o presidente de AEGAMA Julio Lage; o presidente do Instituto Choiseul España, Eduardo Olier; o presidente para España e Portugal de The Conference Board, Antonio Garrido.
Para Lage, "esta presentación é unha gran oportunidade para escoitar e coñecer a Cavallo, que desempeñou numerosas responsabilidades entre elas, foi presidente do Banco Central de Arxentina; ministro de Relacións Exteriores e Comercio Exterior (1989 a 1991); ministro de Economía co presidente Menem (1991 a 1996); ministro de Economía co presidente da Rua (2001) e entre os seus numerosos títulos están: Doutor en Economía pola Universidade de Córdoba; Doutor pola Universidade de Harvard; Doutor Honoris Causa polas universidades de Bolonia, La Sorbona, Turín e Xénova; Profesor visitante da Universidade de Harvard; profesor visitante da Universidade de Yale; e actualmente é membro do Grupo dos 30, grupo de financeiros máis importantes do mundo; ademais de asesor do presidente de Colombia e representante en Arxentina de Global Source Partners".
Pola súa banda, Domingo Cavallo sinalou que "Arxentina ten que saír urxentemente da estanflación para evitar caer noutra hiperinflación". A fórmula é "crear un réxime monetario que permita, ao mesmo tempo, recuperar unha moeda sa e o crédito público". Sostivo ademais que "as próximas eleccións ofrecen a oportunidade para que se realice este cambio". En relación a España, "non se asusten. Todos os extremos cando chegan ao poder, fanse sensatos".