A Casa de Galicia acolle a estrea da serie 'Rosendo Salvado, aventura e misión dun galego en Australia'
A Casa de Galicia en Madrid acolleu este xoves a estrea da serie documental 'Rosendo Salvado, aventura e misión dun galego en Australia'. Esta produción da Televisión de Galicia dirixida por Valentín Carrera narra a vida do misioneiro beneditino que naceu en Tui en 1814 e que deixou un importante legado.
O director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, presidiu o acto nunha sala Emilia Pardo Bazán ateigada de público. Na presentación participaron o director de contidos da Corporación de Radiotelevisión de Galicia, Fernando Ojea; o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o presidente da Fundación Mondariz, Francisco González; e o director da serie, Valentín Carrera.
En catro episodios de media hora, 'Rosendo Salvado, aventura e misión dun galego en Australia' relata a incrible e fascinante biografía de Rosendo Salvado como viaxeiro, música, escritor, emprendedor, teólogo, precursor da homeopatía, antropólogo e científico. A súa foi unha vida tan emocionante como descoñecida dentro e fóra de Galicia. Na súa intervención, o director da Casa de Galicia agradeceu esta aposta da Televisión de Galicia para dar a coñecer a figura de Rosendo Salvado en todo o mundo. Luis E. Ramos lembrou que grazas á plataforma de contidos da TVG esta serie poderá verse nos cinco continentes.