A Casa de Galicia acolle a presentación da biografía “Vida de Rosalía de Castro”, de María Luisa Maillard

Notas de prensa
06/05/2025
06/05/2025
05/06/2025

A Casa de Galicia acolle a presentación da biografía “Vida de Rosalía de Castro”, de María Luisa Maillard

-Con este acto a Casa de Galicia reforza a súa aposta por proxectar a literatura galega fóra da comunidade

A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a presentación do libro Vida de Rosalía de Castro, escrito por María Luisa Maillard. A obra é a entrega número 45 da colección de biografías que a editorial Eila publica en colaboración coa Asociación Matritense de Mulleres Universitarias, co obxectivo de poñer en valor o papel histórico e cultural das mulleres máis destacadas.

O acto estivo presidido polo director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, que subliñou a relevancia da figura homenaxeada: “Rosalía de Castro, a dama do Rexurdimento, foi unha muller valente que dignificou o galego como lingua literaria tras anos na sombra”.

Ramos estivo acompañado pola autora da obra, María Luisa Maillard, por Isabel Albedro, catedrática de socioloxía e polo director de cine, Felipe Vega.

Durante o evento, destacouse a importancia de achegar a figura de Rosalía ás novas xeracións, recoñecendo o seu papel pioneiro na defensa da lingua galega, da identidade e dos dereitos das mulleres. 

Esta nova publicación súmase á programación cultural da Casa de Galicia para os meses de verán, coa que a representación institucional da Xunta en Madrid promove a difusión do patrimonio literario e cultural galego fóra da comunidade.

 

05 Xuño 2025
Notas de prensa
Imaxes