A Casa de Galicia acolle un encontro sobre a arquitectura galega e o seu compromiso coa sostibilidade
A Casa de Galicia en Madrid acolleu o encontro Galicia, arquitectura de proximidade, unha actividade organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) coa colaboración da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), no marco da Semana Internacional da Arquitectura de Madrid.
O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, presidiu o acto acompañado polo director da XERA, Alfredo Fernández Ríos, e polo decano do COAG, Luciano González Alfaya, ademais do decano do Colegio Oficial de Arquitectos de Madrid, Sigfrido Herráez, e outros profesionais do sector da arquitectura e do deseño.
Ramos destacou a Galicia como “un exemplo de arquitectura sostible, próxima e respectuosa co medio, grazas a unha industria forestal que proporciona materiais únicos e de gran valor”, e animou a descubrir a historia galega a través da súa arquitectura. Na intervención referiuse aos “dolmens e os castros ata as construcións máis modernas, pasando polas nosas catedrais, algunha tan importante como a de Santiago, que marca o fin dun camiño que vertebra Europa”.
O director da representación institucional da Xunta de Galicia en Madrid aproveitou a referencia ao Camiño de Santiago para lembrar que unha das misións da Casa de Galicia é a promoción turística e confesou que “resulta moi doado porque Galicia é un destino único con paisaxes espectaculares, produtos de calidade e unha gastronomía exquisita”. Galicia, engadiu, “é un destino de calidade cunha historia apaixonante que podemos percorrer tamén a través da súa arquitectura”.