A Casa de Galicia acolle unha mesa redonda sobre os avances en diagnóstico do cancro de mama

Notas de prensa
10/13/2011
10/13/2011
13/10/2011

A Casa de Galicia acolle unha mesa redonda sobre os avances en diagnóstico do cancro de mama

A enfermidade aumenta nos países industrializados un 1% cada década e en idades cada vez máis temperás. En España aparecen ao redor de 20.000-22.000 novos casos anuais.

Grazas aos equipos de diagnósticos e a sensibilización conséguense diagnósticos en situacións realmente iniciais. O índice de curación supera o 90% das situacións.

Madrid, 13 de outubro de 2011. - O cancro de mama considérase hoxe en día como a enfermidade maligna máis frecuente na muller na que maiores esperanzas de certeza diagnóstica precoz e de curación tense e deses diagnósticos falaron hoxe na Casa de Galicia en Madrid os doutores Armando Tejerina Gómez, director científico do Centro de Patoloxía da Mama, Isabel Almoguera Arias, especialista en Medicina Nuclear do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón, e Juan Madrigal Parrilla, xefe do servizo de Imaxe do Centro de Patoloxía da Mama, na mesa redonda "Cancro de mama. Avances en diagnóstico", que estivo a cargo dos tres. Este acto enmárcase no Ciclo Medicina e Saúde que se desenvolve na Casa, dirixido e coordinado polo profesor xefe de Medicina Nuclear do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón, José Manuel Pérez Vázquez, quen se encargou de presentar aos relatores, acompañado polo delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega.

 Tejerina explicou que a detección inicial e o diagnóstico temperán se realiza nunha situación na que non se percibe clinicamente e nos estudos asintomáticos casuais, de aí a importancia dos controis periódicos en toda muller e, sobre todo, nas que presentan risco de padecer cancro de mama. Unha enfermidade que, dixo, aumenta nos países industrializados un 1% cada década e en idades cada vez máis temperás pero grazas aos equipos de diagnóstico e á sensibilización da paciente con campañas de información conséguese acceder a diagnósticos en situacións realmente iniciais ou precursoras.

O responsable do Centro de Patoloxía da Mama expuxo que o diagnóstico precoz é fundamentalmente radiolóxico e achega un alto índice de curación, que supera o 90% das situacións. Tamén explicou outras técnicas, como a resonancia magnética, o PET-PEM e técnicas de fluorescencia óptica. Referiuse así mesmo a técnicas cirúrxicas minimamente invasoras e a posibilidades plásticas de reconstrución inmediata no mesmo acto operatorio no que se realiza unha mactectomía. Tejerina recomendou planificar os controis periódicos a partir dunha primeira mamografía aos 35 anos e efectuar unha mamografía anual a partir dos 40 anos de idade pois, sinalou, progresivamente vai aumentando o cancro de mama nos últimos anos, aparecendo no noso país ao redor de 20.000-22.000 novos casos anuais.

 Almoguera comentou nocións básicas da especialidade, pouco coñecidas fóra do ámbito hospitalario e por persoal non sanitario, aclarando termos "malditos" como nuclear e radiación. Centrada no diagnóstico, expuxo diferentes exploracións intimamente relacionadas co cancro de mama no seu diagnóstico inicial, diagnóstico de extensión e diagnóstico de recidiva como gammagrafía mamaria, rastrexo óseo, linfogammagrafía para localización de ganglio sentinela e cirurxía radioguiada e por último tomografía por emisión de positróns.

Pola súa banda, Madrigal centrouse na radioloxía do século XXI en patoloxía mamaria. Explicou que o continuo avance no campo do diagnóstico por imaxe da patoloxía mamaria fai necesario un novo coñecemento, unha posta ao día das diferentes técnicas, métodos e utilidade destas para a súa mellor comprensión, tanto para o destinatario final destas, o paciente, coma para os profesionais non expertos en diagnóstico por imaxe. Ademais, efectuou un amplo percorrido das últimas técnicas utilizadas, dende a radioloxía máis simple aos medios máis sofisticados utilizados no século XXI.

Como explicou Pérez Vázquez na presentación ante o número público que seguiu os relatorios, este é un tema da máxima actualidade e importancia na oncoloxía do noso tempo e o tumor de maior incidencia na muller. Será abordado novamente na Casa en próximo día 27, con outra mesa redonda que tratará sobre a súa curación e na que participará el mesmo xunto cos doutores Tejerina Gómez e Pérez Manga. 

13 Outubro 2011
Notas de prensa
Imaxes