A Casa de Galicia acolleu esta mañá a presentación en Madrid do "I Congreso Internacional sobre San Martín de Tours" que se celebrará en Ourense do 14 ao 18 con expertos de dez países
A Casa de Galicia, Delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolleu esta mañá a presentación na capital de España do "I Congreso Internacional sobre San Martín de Tours", que se celebrará en Ourense a próxima semana, do 14 ao 18 de novembro, para conmemorar o 1700 aniversario do patrón da cidade e no que se van a dar cita máis dunha trintena de expertos de dez países. Neste ano, declarado Martiniano polo Papa, só tres cidades organizarán un encontro destas características: Tours, Buenos Aires e Ourense. No acto interviñeron o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa, José Ramón Ónega López; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco e os investigadores Jorge López Quiroga, coordinador científico do congreso; e Artemio Martínez Tejera, secretario científico do congreso.
"Un pobo que celebra o 1700 Aniversario do nacemento dun personaxe da Historia é un pobo digno, sabio e entrañable", dixo José Ramón Ónega tras as palabras de salutación e benvida. "Eu confeso a miña admiración por Ourense, unha cidade e unha provincia bendicidas pola Historia, pola cultura e as raíces do saber antigo. Un pobo que fixo Galicia e que goza de todas as excelencias e virtudes que fan grandes aos pobos e poderosos aos seus habitantes". Engadiu ademais que "este acto que se celebra hoxe na Casa de Galicia, sede da Xunta en Madrid, ten o aroma da Historia e o encanto dos que nos precederon porque Martín de Tours é a Historia mesma". E citando a Edmund Burke sinalou que "as xentes que nunca se preocupan polos antepasados xamais mirarán cara ás posteridade".
Manuel Baltar, tras os agradecementos, destacou o traballo de organización e coordinación do congreso que levan a cabo o historiador Jorge López Quiroga, un medievalista referente en Europa, e Artemio Martínez Tejera, secretario científico do congreso. Ademais, "leste é un proxecto de 2015 que agora é realidade. Un evento histórico e cultural que servirá para coñecer aínda máis e poñer en valor a obra e a traxectoria de San Martín de Tours, patrón da nosa cidade". Resaltou o protagonismo que terá a cidade, na que se van a dar cita os mellores especialistas do mundo das universidades máis prestixiosas. Ourense, xunto con Buenos Aires e a cidade francesa de Tours, van ser os tres lugares onde se celebren congresos destas características.
O investigador Jorge López Quiroga falou sobre a interesante vida de San Martín, "figura de integración europea", e como durante o congreso van incluír visitas de estudo a destacados monumentos do patrimonio de Ourense. "En moi poucos quilómetros é posible viaxar por 2000 anos de historia, unha oportunidade que moi poucos lugares poden ofrecer".
O congreso estará estruturado en tres bloques temáticos: a figura do santo; os procesos de evangelización e os mecanismos de conversión; e unha posta ao día das distintas sedes episcopais que conforman o actual territorio da Gallaecia.
Pola súa banda, Artemio Martínez Tejera destacou a gran vantaxe para os científicos de poder contar con algunhas institucións que apoian os proxectos, como sucedeu neste caso coa Deputación e o Bispado. "Grazas a elas pódese facer este Congreso Internacional Científico, no que Ourense vai ter un protagonismo no ámbito nacional e internacional". Contará con recoñecidos especialistas de Estados Unidos, Brasil, Gran Bretaña, Francia, Portugal, Austria e España, que analizarán a figura deste santo e a súa influencia na configuración social, política, relixiosa e territorial da Gallaecia da época sueva.