A Casa de Galicia celebra o Día do Libro cun relatorio sobre Rosalía de Castro
Coincidindo coa celebración do Día do Libro, a Casa de Galicia en Madrid acolleu o relatorio Rosalía de Castro: escritora galega, escritora universal, organizado pola Federación de Asociacións Galegas en Madrid (FAGAMA) e impartido por Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, profesor universitario e recoñecido investigador da obra rosaliana. No acto tamén participaron o director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos; Horacio Rico, presidente de FAGAMA; e Sonia Cruz, filóloga e profesora de Lingua Galega na Casa de Galicia.
Na súa intervención, Ramos destacou a gran achega de Rosalía de Castro ás letras galegas, defendendo que “temos unha débeda moi grande con Rosalía por todo o que supuxo a súa obra para a Lingua Galega” e referiuse a ela como “a señora do Rexurdimento”.
A conferencia afondou na figura literaria e persoal de Rosalía de Castro, salientando a súa singularidade como autora que rompeu cos moldes da súa época. A súa obra, escrita en galego e castelán, abriu camiños expresivos inéditos para as letras galegas e supuxo un punto de inflexión no rexurdir do galego no século XIX.
A xornada rematou coa interpretación de dúas das obras máis coñecidas da escritora de Padrón, Negra Sombra e Alborada.