A Casa de Galicia descobre algúns dos segredos da película "La Casa de la Troya"
A Casa de Galicia en Madrid acolleu hoxe a conferencia da comisaria e investigadora Estíbaliz Santamaría no marco da exposición Unha noite revelada. La Casa de la Troya 1925-2025, que conmemora o primeiro centenario da estrea na capital de España da película La Casa de la Troya
Estreada en 1925 e baseada na novela de Alejandro Pérez Lugín, La Casa de la Troya supuxo un fito na representación de Galicia a través do cinema, convertendo a Santiago de Compostela e á vida universitaria galega en referentes culturais de alcance nacional e internacional.
Durante o acto o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, destacou a relevancia desta efeméride como ocasión para reivindicar a achega galega ao patrimonio audiovisual e a súa proxección máis aló das nosas fronteiras. "O cinema foi, hai un século, unha das primeiras vías para difundir a imaxe de Galicia no mundo, e hoxe o sector audiovisual galego continúa consolidándose como un motor de identidade e creatividade con alcance internacional", subliñou Ramos.
A exposición Unha noite revelada. La Casa de la Troya 1925-2025 reúne documentación, materiais gráficos e audiovisuais que permiten redescubrir a importancia cultural e social daquela película pioneira, á vez que establece un diálogo coa creación contemporánea.
Con iniciativas como esta, a Casa de Galicia en Madrid reafirma o seu papel como ponte cultural entre Galicia e a capital española, promovendo a memoria, a investigación e a difusión da cultura galega.