A Casa de Galicia en celebra os 25 anos das campás da Torre dos Galegos da Catedral da Almudena
A Casa de Galicia en Madrid inaugurou esta tarde a exposición Suenan Campanas. Galicia, unha mostra fotográfica do lalinense Manolo Seixas, que conmemora o 25 aniversario do Proxecto Galego de Dotación de Campás á Catedral de Santa María a Real da Almudena. A exposición permite reconstruír o eco social e institucional que tivo aquel proxecto con imaxes orixinais das campás na torre norte da Catedral, coñecida desde entón como a Torre dos Galegos.
O director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, abriu o acto de inauguración lembrando que a mostra “rememora un acontecemento histórico” e representa “un xesto colectivo de agradecemento da comunidade galega en Madrid á súa terra de acollida”. Ramos subliñou que a iniciativa partiu da propia cidadanía e que “os galegos e galegas de Madrid que quixeron e puideron foron facendo as súas achegas económicas ata acadar un orzamento que, segundo a prensa da época, superou os 60 millóns de pesetas”.
A exposición reúne máis dunha trintena de fotografías, documentos e vídeos realizados polo propio Manolo Seixas, fotógrafo natural de Lalín (Pontevedra) e testemuña directa do proceso que levou á fundición e entrega das campás. Entre as imaxes destaca a presentación das dúas primeiras campás diante da Casa de Galicia o 15 de marzo de 1999, nun acto presidido por Manuel Fraga, entón presidente da Xunta de Galicia, acompañado polo cardeal Antonio María Rouco Varela, o alcalde José María Álvarez del Manzano e outras autoridades da época.
As campás foron fundidas na localidade pontevedresa de Arcos da Condesa, no obradoiro artesanal da familia Ocampo, coñecida como a Casa dos Campaneiros, que continúa hoxe en día coa tradición secular da fundición artesanal. Tal e como lembrou Ramos, recuperando palabras do propio Fraga, “estas campás entregadas a Madrid son campás recentemente galegas, mimadas ata a veneración”.
Para rematar, a mostra complétase cos vídeos que a Televisión de Galicia e a Deputación de Pontevedra cederon á Casa de Galicia. Estes arquivos reúnen imaxes tanto actuais do proceso de elaboración das campás, como as gravadas hai 25 anos.
A exposición Suenan Campanas. Galicia poderá visitarse ata o 30 de xullo de luns a sábado de 10,00h. a 14,00h. e de 16,00h. a 20,00h. e os domingos e festivos de 10,00h. a 14,00h.