A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación da Festa do Corpus Christi de Ponteareas
A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta mañá, na sala Emilia Pardo Bazán, o acto de presentación da Festa do Corpus Christi de Ponteareas, declarada de Interese Turístico Internacional e recoñecida como Ben de Interese Cultural do Patrimonio Inmaterial.
O evento contou coa participación do director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos; a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro; o primeiro tenente de alcalde de Ponteareas e a concelleira de Turismo do municipio. Tamén asistiron os embaixadores de Xapón, Italia, Bélxica, así como o primeiro secretario da Embaixada de Malta.
Durante a súa intervención, o director da Casa de Galicia destacou que “se aquí, na distancia, e só con esta pequena mostra, temos a explosión de cor, de frescor, o aroma… imaxínense o que pode ser vivir a experiencia plena en Ponteareas, con composicións florais que suman metros e metros de alfombra”. E engadiu: "Se aínda non teñen plans para este verán, hoxe propoñémoslles unha escapada a finais de mes a Ponteareas."
Ramos tamén salientou os vínculos culturais e relixiosos que unen Galicia cos países representados no acto:"Xapón e Galicia están unidas polo irmandamento do Camiño de Santiago e o Kumano Kodo; o polbo une ao Carballiño con Noventa Padovana, preto de Venecia; en Malta, xa antes do século XVII, os cabaleiros da antiga Orde tiñan rutas de peregrinación a Compostela; e os reis de Bélxica completaron o Camiño hai só mes e medio."
As alfombras florais, símbolo desta festa, tamén se trasladaron á Casa de Galicia en Madrid, con unha pequeña mostra realizada na sala principal. Este ano o Corpus Christi de Ponteareas celebrarase o domingo 22 de xuño.