A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación do Festival Bal y Gay, unha das grandes citas musicais da Mariña Lucense
A Casa de Galicia en Madrid, sede institucional da Xunta de Galicia na capital, foi escenario esta mañá da presentación da XII edición do Festival Bal y Gay, un dos eventos culturais máis relevantes do verán en Galicia. O acto estivo presidido polo director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, e contou coa participación do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Durante a súa intervención, o director da Casa subliñou que acoller esta presentación "é cumprir con dous dos principais obxectivos desta institución: a difusión da lingua e a cultura galegas, e a promoción turística de Galicia, unha terra rica en paisaxes, exquisita en gastronomía e espléndida en atención".
O Festival, que se celebra na Mariña Lucense, foi definido como "unha proposta que combina música clásica de alto nivel con patrimonio, historia, paisaxe e gastronomía", elementos que, en palabras do director, converten a este evento en "unha das mellores propostas do verán" e a Galicia en "o mellor destino".
A presentación contou tamén coa intervención de Enrique Rodríguez Baixeras, presidente da Fundación Xesús Bal y Gay, Alba Rodríguez, directora do Festival, e Clara Corais, xornalista de Radio Clásica e música. Todos eles destacaron o crecemento do festival, a súa coidada programación artística e o seu papel como motor cultural e turístico na comarca.
O Festival Bal y Gay consolidouse como un referente nacional pola calidade dos seus intérpretes, a singularidade dos seus escenarios e a súa capacidade para integrar música e territorio.