A Casa de Galicia en Madrid acollerá probas Celga o vindeiro 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, anunciou hoxe, na súa visita á Casa de Galicia en Madrid, que o vindeiro 2025 a capital española acollerá as probas para a obtención dos certificados oficiais de lingua galega. Tal e como explicou, trátase dunha iniciativa “para continuar promocionando a lingua e a cultura galegas dentro e fóra da nosa Comunidade”.
Deste xeito, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor “o compromiso do Goberno galego co acercamento do noso idioma a persoas doutros territorios a través da convocatoria destas probas Celga noutros centros fóra de Galicia”. Así, “búscase dar a oportunidade a cada vez máis persoas de obter esta certificación”, destacou Valentín García.
O director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, agradeceu a sensibilidade da Secretaría Xeral da Lingua por "atender unha demanda real de moitas persoas que se interesan en Madrid polas certificacións do Celga". Foi durante a presentación dos cursos de lingua e cultura galegas que se imparten nesta institución. Valentín García e Luis E. Ramos entregaron os diplomas aos participantes da pasada edición. O secretario xeral salientou a colaboración coa Casa de Galicia en Madrid “por manter o traballo conxunto na realización desta actividade de formación e promoción do idioma fóra da comunidade galega”.