A CASA DE GALICIA EN MADRID ACOLLEU O ACTO, DESTINO TURÍSTICO RÍAS BAIXAS, ORGANIZADO POLA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
O director da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, participou na presentación, destino turístico Rías Baixas que contou coa presenza de Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra.
Luis López, destacou as fortalezas, o crecemento e o potencial da provincia de Pontevedra como un destino turístico referente en calidade e sostibilidade nunha recepción con representantes do sector turístico que tivo lugar esta tarde na Casa de Galicia de Madrid e no que participaron tamén outros membros do Goberno provincial. O mandatario provincial puxo en valor o esforzo das e dos profesionais para contribuír ao crecemento do destino turístico Rías Baixas, ao mesmo tempo que agradeceu o compromiso do sector para seguir apostando e traballando de xeito conxunto para facer da provincia de Pontevedra “un destino adaptado aos tempos da intelixencia artificial, un destino ambicioso cunha estratexia clara para seguir medrando de xeito controlado e un destino sostible no que o deporte e a cultura son os complementos ideais”.
O mandatario provincial ofreceulles unhas palabras de benvida ás e aos representantes das empresas do sector turístico ao comezo do acto. “O turismo fai que a nosa provincia sexa un fogar para tantos madrileños; hoxe Madrid acóllenos na casa de todos os galegos”, comezou López, quen recoñeceu que existen “poucos escenarios mellores que a Casa de Galicia, pouco público tan especializado e poucas datas mellores que a de Fitur” para falar das Rías Baixas e da súa riqueza. Un discurso no que amosou a súa satisfacción polo feito de que a Deputación e as empresas “compartimos esa paixón e vocación por dar a coñecer o noso paraíso das Rías Baixas”.
Neste sentido, o presidente da Deputación recordoulles que a presentación da campaña 100 % Rías Baixas, presentada na mañá deste mércores en Fitur, supuxo un triplo paso adiante. “Un paso adiante nese desexo irrefrenable que temos por dicirlle ao mundo que Pontevedra é gozar, un paso adiante para remarcar que o noso é un destino sostible e un paso de xigante para descubrir que as nosas Rías Baixas son o destino ideal para viaxar en calquera época do ano”.
O crecemento e a consolidación que As Rías Baixas experimentaron nos últimos anos son froito do traballo e da cooperación conxuntos entre a Administración provincial e o sector turístico. Unha alianza que levou As Rías Baixas a “acaparar titulares de prensa, ocupar os postos máis altos das listas de destinos turísticos de moda e a competir sen complexos con outros lugares exóticos”, afirmou López, quen recalcou que non é necesario ser Hawai para ofrecer experiencias de surf, nin o Caribe para facer mergullo, nin Escocia para ver castelos, nin a Toscana ou Burdeos para presumir de viñedos e viños. “Non somos ningún deses destinos, nin queremos selo, nin falta que fai. Porque somos 100 % Rías Baixas”, reivindicou o dirixente. O da provincia é un modelo de destino turístico de excelencia moldeado pola auga, eixe central da campaña, porque, “mentres noutros lugares é un reto, para nós a auga é unha vantaxe: a súa abundancia distínguenos; os seus froitos fannos únicos”, asegurou.
Tampouco faltou o recoñecemento polos resultados obtidos no pasado ano no ámbito do turismo. “O voso labor ten unha alta cota de responsabilidade no éxito que están a ter As Rías Baixas. A vosa profesionalidade, a vosa determinación co turismo de calidade e o voso compromiso coa sostibilidade fixeron que o ano 2023 fose histórico para o turismo na nosa provincia. Pero, lonxe de conformarvos, vexo un sector enfocado e confiado en facer do 2024 un ano aínda mellor”, valorou Luis López, convencido de que, “e sei que estades de acordo comigo, o turismo na provincia de Pontevedra non tocou teito”.
Con todo, deixou clara a única liña vermella que existe neste camiño de crecemento, “o único camiño posible é o da sostibilidade”, subliñou. “As Rías Baixas son, e deben seguir sendo, sinónimo de espazos naturais de alta calidade ambiental, de experiencias saudables e respectuosas co medio ambiente e de produtos sans, ecolóxicos e de proximidade”, insistiu o presidente da Deputación.
Rematou Luis López o seu discurso de benvida cunha mensaxe de ánimo para aproveitar a presencia das Rías Baixas nunha feira coma Fitur. “Os ollos do turismo mundial miran cara a Madrid. Temos unha oportunidade única para dicirlle ao mundo o que somos. Somos calidade e sostibilidade, somos apoio ao sector e consideración cara a un motor económico, e somos unha oferta infinita de experiencias e recordos imborrables. Somos 100 % Rías Baixas; agora que o saiba todo o mundo”, concluíu.